O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá as instalacións

A Xunta apoia a actividade da ONG Mestura coa financiación do seu centro de día de inclusión social

O Goberno galego achegou preto de 150.000 para a adquisición do inmoble, que permite á entidade consolidar os seus servizos de atención ás persoas usuarias

Culleredo (A Coruña), 7 de agosto de 2026

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá o centro de día de inclusión social da ONG Mestura, que destacou como un recurso de referencia na atención á poboación migrante en Galicia.

O director xeral percorreu as instalacións do inmoble, cuxa adquisición foi financiada pola Xunta ao abeiro da orde de subvencións a entidades do 0,7% do IRPF, grazas á que Mestura recibiu preto de 150.000 euros.

Deste modo, apuntou, o Goberno autonómico apoia a actividade da ONG, que ao contar cunha sede propia pode consolidar os seus servizos, mellorar a coordinación dos seus programas e garantir unha atención máis estable, accesible e continuada ás persoas usuarias.

O Executivo galego colabora con esta entidade de inclusión social coa financiación programas de formación adaptada, servizo de asesoramento xurídico, itinerarios de inclusión sociolaboral básica e de transición ao emprego e mediación social e intercultural. Neste ano a achega foi de preto de 530.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026