Medio rural reforza a cooperación co concello de Leiro para impulsar a XXXV Festa da Vendima

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde, Francisco Fernández, para abordar a colaboración arredor desta cita

A celebración contará coa participación prevista de 15 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro e tres postos de produtores de Artesanía Alimentaria

Leiro (Ourense), 7 de agosto de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde do Concello de Leiro, Francisco Fernández, para avaliar diferentes vías de colaboración entre ambas partes arredor da Festa da Vendima da localidade, que este ano acadará a súa trixésimo quinta edición.

Durante a reunión, o director e o rexedor municipal coincidiron na importancia da cooperación institucional para seguir potenciando unha celebración que contribúe á promoción das producións do agro e, de maneira especial, dos viños amparados pola Denominación de Orixe Ribeiro, poñendo en valor a súa calidade, a súa orixe e a súa estreita vinculación co territorio.

Neste sentido, Alemparte salientou a importancia de continuar apostando pola calidade diferenciada como unha vía para incrementar o valor das producións agroalimentarias galegas. Así, destacou que iniciativas como a Festa da Vendima permiten achegar estes produtos aos consumidores e, ao mesmo tempo, visibilizar o traballo de viticultores, adegas e produtores, reforzando a identificación entre calidade, paisaxe, tradición e territorio.

A XXXV Festa da Vendima de Leiro celebrarase, como é tradición, o último domingo de agosto, este ano o vindeiro día 30, e está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. A celebración pon en valor a cultura e os traballos vinculados á vendima e incorpora no seu programa desfiles de carrozas tradicionais, concursos de acios e unha mostra na que está prevista a participación de 15 adegas da Denominación de Orixe Ribeiro, así como tres postos de produtores inscritos en Artesanía Alimentaria, reforzando deste xeito a presenza e promoción dos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026