A Xunta dá luz verde ambiental ao Plan especial de infraestruturas e dotacións para a execución dun centro de día en Guláns, no Concello de Ponteareas

O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos no ámbito de actuación, pero inclúe condicionantes para introducir melloras nalgunhas cuestións

O proxecto afecta a unha superficie de máis de 4.900 metros cadrados de solo rústico, na que se prevé a construción do complexo asistencial con capacidade para 50 usuarios e 8 prazas de aparcadoiro

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao Plan especial de infraestruturas e dotacións para a execución dun centro de día no núcleo rural da Devesa, na parroquia de San Xulián de Guláns, no concello pontevedrés de Ponteareas. O obxecto é establecer a ordenación de terreos de solo rústico necesarios para a creación dun novo equipamento público destinado ao complexo asistencial.

O informe ambiental estratéxico (IAE) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra coas condicións incluídas na propia resolución e se atendan melloras en cuestións como a xestión da auga, necesidades específicas de accesibilidade ou o emprego de exemplares de especies e portes distintos situados de maneira non regular para mellorar a integración paisaxística.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan especial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal da Consellería para que o público puidese consultalo e facer as observacións ou suxestións de carácter ambiental, sen que se recibira ningunha.

Unha vez emitido, o IAE foi remitido ao promotor e ao órgano substantivo -o Concello de Ponteareas en ambos casos- xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e proximamente farase público mediante a publicación do anuncio correspondente no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O obxecto deste plan especial é establecer a ordenación de terreos de solo rústico na Devesa co fin de construír un centro de día. Ademais, cualifícase como sistema local de viario público unha franxa de terreo paralela ao viario municipal existente que serve de acceso, e na que se prevé incluír 8 prazas de aparcadoiro -1 adaptada a mobilidade reducida- e dotar á vía de beirarrúas.

A superficie do ámbito de actuación é de 4.955 metros cadrados -correspondentes cunha única parcela de titularidade municipal-, nuns terreos situados no sur do Concello de Ponteareas, próximos ao núcleo rural da Devesa, na parroquia de Guláns. Na contorna, localízanse diversos equipamentos municipais como a casa da cultura, instalacións deportivas ou a escola de música.

Data de actualización: 09/08/2026