A conselleira do Medio Rural participou na inauguración da XIX Feira do Viño de Monterrei

María José Gómez destaca que o viño certificado na Denominación de Orixe Monterrei medrou un 300 % en pouco máis dunha década

Sinala que este éxito é froito do traballo dun sector forte, con case catrocentos viticultores e trinta adegas, que deu como resultado uns viños recoñecidos e con moita personalidade

Reitera o compromiso de apoio da Xunta a esta zona de produción en particular e aos viños galegos en xeral

Verín (Ourense), 7 de agosto de 2026.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a calidade dos viños de Monterrei e o crecemento rexistrado por esta Denominación de Orixe vitivinícola nos últimos anos, xa que pasou de certificar dous millóns de litros a superar os oito millóns en pouco máis dunha década, o que representa unha suba do 300 %. Foi durante a súa intervención no acto inaugural da XIX Feira do Viño de Monterrei, que se celebra esta fin de semana en Verín e no que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

A conselleira sinalou que este éxito “é froito do traballo dun sector forte, con case catrocentos viticultores e viticultoras e trinta adegas”. Un traballo que, salientou, vese tamén nos viños, cuns godellos e mencías cada vez máis recoñecidos e con moita personalidade. Un produto que está levando o nome desta comarca por toda España e tamén fóra das nosas fronteiras, remarcou.

Por iso, Gómez fixo especial fincapé no labor de toda a cadea de valor e especialmente das produtoras e produtores e tamén do Consello Regulador, cun traballo que, subliñou, fíxose mantendo a identidade, pero sabendo evolucionar. Coidando o legado recibido sen renunciar á innovación hasta conseguir un produto “excelente”.

Nesta liña, a conselleira reiterou o compromiso de apoio da Xunta a esta zona de produción en particular e aos viños galegos en xeral. Un sector que definiu como “unha das grandes fortalezas de Galicia”, xa que xera riqueza, emprego e oportunidades; permite que centos de familias poidan seguir vivindo e traballando no rural e coida do territorio, “porque onde hai viñas ben atendidas hai vida”, concluíu. Asemade, Gómez animou á veciñanza e aos visitantes a gozar desta feira percorrendo os diferentes postos, descubrindo os viños de Monterrei en boa compaña e tamén a facer unha maridaxe con outros produtos galegos, así como a achegarse ás demostracións de cociña das Experiencias de Calidade de Galicia, que tamén forman parte do programa festivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026