O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe as instalacións de Igaxes, entidade encargada de desenvolver a iniciativa
Máis de 700 menores do sistema de protección da Xunta participaron o ano pasado no programa mentor de inserción sociolaboral
O Goberno galego destinou máis de tres millóns de euros a esta iniciativa, coa que prepara a mozas e mozos maiores de 16 anos para a vida adulta independente
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026
O programa de inserción sociolaboral de menores da Xunta de Galicia (Mentor) traballou no 2025 con 745 menores do sistema de protección autonómico, un 4% máis que no exercicio precedente. Así o sinalou hoxe o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, durante unha visita ás instalacións de Igaxes, entidade que se encarga do desenvolvemento deste programa.
Jacobo Rey explicou que obxectivo do programa Mentor é facilitar o mellor escenario posible para que os menores que están baixo o sistema de protección autonómico se preparen para a vida adulta e poidan desenvolverse tanto persoal como profesionalmente. A través desta iniciativa, facilítaselles ferramentas para a súa formación, de cara á inserción do mercado laboral.
A Xunta destinou o ano pasado máis de tres millóns de euros de fondos europeos ao programa Mentor. Con esta iniciativa ofrece axuda, asesoramento e seguimento especializado a mozas e mozos entre os 16 e os 21 anos, un apio que nalgúns casos se pode estender ata os 25. Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en poñer en marcha esta proposta para menores baixo o seu sistema de protección. Unha medida que mereceu o recoñecemento da Unión Europea en varias ocasións como exemplo de boas prácticas.