Villares destaca a colaboración da Xunta na mellora dos servizos e dotacións de Rábade para fixar poboación
O delegado territorial de Lugo referiuse durante a súa primeira visita institucional ao Concello a proxectos como a reforma da Praza de Abastos, o campo de fútbol ou a área de autocaravanas
Rábade (Lugo), 10 de agosto de 2026
Alfonso Villares realizou hoxe a súa primeira visita institucional ao Concello de Rábade como delegado territorial da Xunta en Lugo e avaliou coa alcaldesa, Remedios González, algunhas das actuacións que promoven ambas administracións, destacando o apoio do Goberno galego “no reforzo de servizos e dotacións para impulsar o tecido produtivo e fixar poboación”.
Entre as máis recentes figuran as reformas en servizos básicos que sufraga a Consellería do Medio Rural a través de Agader, cun investimento de 100.000 euros que se destinará a remodelar a antiga Praza de Abastos para mercado de produtos locais, á renovación da sinalización vertical e horizontal do casco urbano, e a outros traballos no patrimonio natural e cultural. Así mesmo, a través do Plan Camiña Rural asigna 79.900 euros nas convocatorias 2025-26 e 2026-27 ao arranxo de pistas no municipio.
O obradoiro de emprego Cumes da Terra Chá IX vai executar durante os próximos meses obras nos accesos, servizos e vestiarios do campo de fútbol municipal Catro Ventos. O proxecto, que comparte cos concellos de Begonte e Friol, conta cun orzamento de 544.500 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Entre outras iniciativas, Villares sinalou que o Goberno galego achega 30.000 euros para a área de autocaravanas a través de Turismo de Galicia. Ademais, financiou con 34.000 euros as obras de accesibilidade e a creación de novas salas na Casa Consistorial; con 40.000 euros os labores na rede de saneamento para evitar infiltracións, e con 60.000 euros o incremento da eficiencia enerxética en instalacións municipais.
No tocante aos servizos sociais, a Consellería de Política Social e Igualdade concede ao Concello 256.600 euros para o Servizo de Axuda no Fogar, un terzo máis que o ano pasado. Tamén sostén tres Casas Niño no municipio, que o pasado ano obtiveron achegas por importe total de 73.700 euros.