A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á urbanización do parque empresarial de Coristanco

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que esta iniciativa teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada 

Este é un paso máis na tramitación do expediente e o IIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento do proxecto 

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para urbanizar e conectar os exteriores do parque empresarial de Coristanco, que promove Xestur. 

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos na contorna derivados dos proxectos sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica. 

Neste senso, o informe foi elaborado no procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados os organismos interesados. Froito destas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. 

Nesta liña, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; da auga e dos leitos fluviais; do patrimonio cultural, así como a xestión de residuos e a integración paisaxística e restauración. 

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade nos vindeiros días a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. 

Este proxecto pretende a urbanización e a realización das conexións exteriores do parque empresarial de Coristanco, supoñendo a ocupación de máis de 173.000 metros cadrados, dos cales máis de 44.700 metros cadrados serán destinados a zonas verdes. Entre as actuacións previstas están a construción de glorietas e ramais, o acondicionamento de parcelas, a creación de zonas de aparcamento ou obras en melloras de saneamento e abastecemento de augas.

Data de actualización: 12/08/2026