Fabiola García asina os convenios de colaboración co concello de Outes para melloras no centro de día e na escola infantil

A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que o Goberno galego inviste máis de 60.000 euros para que a Administración local desenvolva as obras en ambos recursos

Outes (A Coruña), 12 de agosto de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Outes, Francisco Calo, asinaron os convenios de colaboración para que o concello poida executar as obras de mellora no centro de día e na escola infantil.

A Xunta destina máis de 48.000 euros para que o concello de Outes realice diversas actuacións no interior do centro de día. Algunhas das melloras contempladas son o pintado das paredes, instalación de novos pavimentos ou a renovación das proteccións da escaleira. Neste sentido, Fabiola García lembrou que o pasado ano o Goberno galego tamén financiou obras neste recurso público que ascenderon a 20.000 euros.

A maiores, a conselleira e o alcalde asinaron outro convenio para realizar obras na escola infantil municipal neste período non lectivo. As actuacións ascenden a preto de 13.000 euros e permitirán mellorar o acceso exterior ao centro, cambiando a localización da entrada e reformando o pavimento. O obxectivo, segundo explicou Fabiola García, é favorecer a comodidade das familias e ofrecer un espazo seguro e accesible.

Fabiola García recalcou que estes investimentos forman parte do compromiso da Xunta para ofrecer ás familias equipamentos adecuados e adaptados ás súas necesidades. Ademais, lembrou que será o concello o encargado de executar e facer seguimento das obras en ambos centros. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2026