A Xunta apoia unha nova edición do Torneo 3x3 de baloncesto de Meira, que se celebrará este sábado

Meira (Lugo), 12 de agosto de 2026.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou esta tarde na presentación do Torneo 3x3 de Baloncesto NaturLeite Vila de Meira, que se celebrará o próximo sábado, día 15, e que conta un ano máis co apoio da Administración autonómica. No acto estiveron tamén os tres organizadores do encontro -Óscar Fernández, Manuel Huerta e Miguel Rodríguez- e a xerente de NaturLeite, Chus Peteira, entre outros.

O torneo organízase en seis categorías por tramos de idade, desde premini ata senior, e os equipos estarán formados por entre tres e catro xogadores. Este ano formalizaron a inscrición máis de 60 equipos, dos que 21 corresponden á categoría senior e o resto ás categorías de base, sumando un total de arredor de 240 xogadores.

Villares destacou a continuidade deste encontro que se celebra no marco das festas patronais de Meira e conseguiu consolidarse como unha das propostas deportivas de maior relevancia do municipio. Salientou ademais o poder de convocatoria do torneo e a implicación das persoas e entidades, como o CB Vila de Meira, “para manter esta celebración que actúa como elemento de dinamización social e promove a práctica de deporte na localidade, especialmente entre os máis novos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2026