O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou o avance das melloras
A Xunta impulsa a ampliación do polideportivo municipal de Barbadás con máis de 612.000 euros das axudas a proxectos estratéxicos
As obras suporán un investimento de máis de 1,2M€ e permitirán crear unha planta con ximnasio, sala polivalente e novos vestiarios, ademais de contribuír á accesibilidade e á eficiencia enerxética do edificio
A orde de axudas deste ano incrementa o orzamento ata os 10M€ no marco das achegas do Fondo de Cooperación Local
Barbadás (Ourense), 13 de agosto de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, coñeceu hoxe en Barbadás as actuacións de ampliación e reforma con mellora da eficiencia enerxética do polideportivo municipal. O proxecto conta cunha achega superior aos 612.000 euros da Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. Supón a metade do investimento total, que ascende a máis de 1,2 millóns de euros.
A actuación permitirá aproveitar a cuberta do edificio existente para crear unha nova planta que substituirá as actuais pistas de pádel por un ximnasio de 263 metros cadrados, unha sala polivalente de 130 metros cadrados e dous novos vestiarios completos con duchas. Ademais, habilitarase unha zona exterior cuberta para adestramento ao aire libre e mellorarase a accesibilidade coa instalación dun ascensor e a ampliación da escaleira existente.
O proxecto inclúe tamén diferentes medidas para mellorar a eficiencia enerxética do edificio, entre elas a substitución da actual caldeira de gasóleo por bombas de calor de alta eficiencia, a instalación de paneis solares térmicos e a mellora da envolvente térmica. No seu conxunto, prevese unha redución do consumo enerxético superior ao 30 %.
Segundo destacou Diego Calvo, o apoio aos investimentos de carácter estratéxico permite á Xunta colaborar cos concellos na execución de actuacións de especial relevancia para os municipios. A importancia desta liña de axudas, posta en marcha en 2024, levou o Goberno galego a incrementar este ano a súa dotación ata os 10 millóns de euros, despois de que nas dúas primeiras convocatorias se destinasen máis de 16 millóns a preto de 40 proxectos.
O Goberno galego quere contribuír deste xeito á mellora e modernización das instalacións e equipamentos municipais, co obxectivo de que os concellos poidan dar resposta ás necesidades e demandas dos seus veciños e ofrecer mellores servizos públicos.
A ampliación do polideportivo de Barbadás permitirá incorporar novas actividades moi demandadas, como spinning, pickleball, cachibol, fitness boxing ou cross met, e posibilitará ofrecer polo menos 20 sesións semanais adicionais de clases dirixidas. Tamén permitirá ampliar o horario da sala de musculación e liberar a pista central para incrementar o tempo dispoñible para as escolas deportivas municipais e os clubs locais.
O conselleiro incidiu no compromiso da Xunta cos concellos galegos, xa que só o ano pasado o apoio do Goberno galego permitiu impulsar preto dun milleiro de proxectos mediante as diferentes liñas específicas de colaboración coas entidades locais. No caso de Barbadás, o concello recibiu nos últimos anos máis de 1 millón de euros a través das distintas liñas de apoio.