A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, deu conta desta nova actuación
A Xunta licita as obras da nova senda na estrada PO-221, entre Alende e Espedregueira, en Moraña, cun investimento de máis de 365.000€
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de setembro
Allegue sinalou que a construción desta senda de algo máis de medio quilómetro teñen un prazo de 9 meses, polo que se prevé que estea rematada no próximo ano 2027
Destacou que o obxectivo é favorecer o tránsito peonil en condicións de maior seguridade neste treito da PO-221, cunha intensidade media diaria de 2.900 vehículos
Lembrou que esta vía tamén é zona de paso para as persoas que acoden á Romaría dos Milagres de Amil, “unha das celebracións máis multitudinarias e referente de Moraña”
Recordou que a Xunta, ao abeiro do Plan de Sendas de Galicia, ten habilitado máis de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas en Galicia e continúa sumando sendas
Moraña (Pontevedra), 13 de agosto de 2026
A Xunta licita as obras da nova senda na estrada PO-221, entre Alende e Espedregueira, en Moraña, cun investimento de máis de 365.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, deu conta hoxe desta nova actuación.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación e as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de setembro.
Allegue detallou que o Goberno galego avanzará na tramitación coa adxudicación dos traballos, que teñen un prazo de execución de 9 meses, polo que se prevé que a citada senda estea rematada no próximo ano 2027.
Este itinerario de algo máis de medio quilómetro discorrerá entre os núcleos de Alende e A Espedregueira, facilitando os desprazamentos da veciñanza en condicións de maior seguridade.
A conselleira explicou que con esta actuación se dá resposta a unha demanda do Concello para favorecer o tránsito peonil nesta estrada PO-221, cunha intensidade media diaria de 2.900 vehículos.
Ademais cómpre lembrar que esta vía é zona de paso para as persoas que acoden á Romaría dos Milagres de Amil, “unha das celebracións máis multitudinarias e referente de Moraña”, segundo precisou Allegue.
A titular de Infraestruturas subliñou que esta é “unha infraestrutura transformadora, que aumentará a seguridade dos usuarios vulnerables das estradas e fomentará hábitos saudables, convidando a camiñar, facer deporte e descubrir a riqueza natural e patrimonial deste concello”.
Recordou que a Xunta, ao abeiro do Plan de Sendas de Galicia, xa ten habilitado máis de 300 quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas en Galicia e continúa traballando para seguir sumando sendas no conxunto da comunidade.