O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou en Ourense a librería Jemaca, beneficiaria dunha achega que permitiu á súa propietaria recoller a testemuña do negocio

A Xunta lembra que está aberto o prazo de solicitudes do Bono Remuda con apoios tanto a quen asume o negocio como a quen o traspasa por xubilación

José González expón que esta liña de achegas, incluída na orde única de axudas ás persoas traballadoras autónomas, conta cun orzamento de 1,5 M€, o que supón unha suba dun 20% en relación coa convocatoria anterior

Destaca que este apoio se complementa coa Rede de polos de emprendemento da Xunta, de feito a Librería Jemaca é un dos proxectos asesorados no Polo do Carballiño, que tamén acompañou á propietaria do negocio durante o proceso de remuda

Sinala que o Goberno galego traballa co sector para ter un rexistro o máis actualizado posible de negocios en situación de remuda co fin de axilizar e favorecer os procesos 

Estas medidas inclúense na aposta da Xunta por facilitar a continuidade de negocios rendibles, a remuda xeracional e de impulsar o emprendemento ligado ao territorio 

Ourense, 13 de agosto de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo en Ourense a aposta da Xunta por facilitar a continuidade de negocios rendibles, garantir a remuda xeracional e impulsar o emprendemento ligado ao territorio. Fíxoo no marco dunha visita realizada á Librería Jemaca, beneficiaria do Bono Remuda que permitiu á súa actual propietaria coller a testemuña do negocio e iniciar unha nova etapa. Alí o conselleiro —que estivo acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias— tamén lembrou que está aberto ata o 30 de setembro o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria deste ano destes apoios. 

Trátase dunha liña de achegas, afondou, incluída na orde única de axudas ás persoas traballadoras autónomas que, con esta, abarca un total de cinco liñas e que está dotada con 40,7 M€. En concreto, o Bono Remuda conta cun orzamento de 1,5 M€, que supón unha suba dun 20% en relación coa convocatoria anterior. 

Con el a Xunta ofrece apoios tanto a quen asume a remuda como a quen traspasa o negocio por xubilación. Ademais, estrutúrase en dúas liñas, o Bono remuda rural —para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral —para os que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis—.

Rede de polos de emprendemento

Este apoio compleméntase co que brinda a Rede de polos de emprendemento da Xunta. De feito, José González explicou que a Librería Jemaca é un dos proxectos asesorados nesta rede, en concreto no Polo do Carballiño, que tamén acompañou á propietaria do negocio durante o proceso de remuda. Nesta liña, para facilitar este proceso, as 15 oficinas da rede de polos distribuídas por toda Galicia dispoñen dun escaparate para dar visibilidade a negocios en busca de traspaso.

Neste contexto, sinalou que o Goberno galego traballa directamente co sector para ter un rexistro o máis actualizado posible de negocios en situación de remuda co fin de axilizar os procesos e favorecer os intereses tanto dos titulares dos negocios que traspasan como de quen asume a remuda. Deste xeito, o Executivo autonómico busca garantir a remuda xeracional das persoas autónomas e do comercio e reforzar ao mesmo tempo o seu papel no emprendemento ligado ao territorio, un aspecto que tamén promove o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2026