A Xunta recorda que aínda está aberto o prazo de solicitude da única liña de axudas en España que incentiva a construción en madeira
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, visita os aloxamentos rurais Cabanas do Avia, beneficiaria destes apoios
O Goberno galego destina 5 millóns de euros a este programa que subvenciona a redacción de proxectos e a execución de obras de nova construción, rehabilitación ou reforma de vivendas e establecementos de negocios que empreguen madeira como elemento estrutural
Os apoios pódense solicitar ata o 31 de agosto e inclúen como principal novidade o incremento da contía máxima das axudas para edificacións en altura, actuacións de uso residencial e promocións singulares, que pasa dos 140.000 aos 250.000 euros
Ribadavia (Ourense), 13 de agosto de 2026
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, lembrou esta mañá en Ribadavia que a liña de apoios para impulsar a realización de proxectos e obras que empreguen a madeira como elemento estrutural na construción, mantén aberto o seu prazo ata o próximo 31 de agosto. Facíao no transcurso dunha visita ao establecemento turístico Cabanas do Avia, beneficiaria deste programa de apoios en anteriores edicións.
Fernández Ríos recordou que estas axudas, denominadas Xera-madeira, convócanse de xeito bianual e contan cun orzamento de 5 millóns de euros. Están dirixidas a pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro; así como ás persoas físicas, sexa de xeito individual ou en conxunto.
Desta maneira, en función do tipo de beneficiario e das accións subvencionables, a convocatoria establece catro liñas de axudas: dúas dirixidas a pemes, persoas autónomas e asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que desenvolvan a súa actividade en Galicia; e outras dúas destinadas a persoas físicas. Nos dous casos subvencionase por unha banda a redacción de proxectos e, pola outra, a execución de obras.
Novidades da convocatoria
O director da Xera destacou que a edición deste ano inclúe dúas novidades. A principal é que a contía máxima que poderá recibir unha mesma persoa ou entidade beneficiaria increméntase desde os 140.000 euros da anterior edición ata os 250.000 euros no caso de edificacións en altura, actuacións de uso residencial colectivo ou promocións singulares. A convocatoria incorpora, ademais, a definición de promoción singular, referida a actuacións que integren solucións técnicas, construtivas ou funcionais innovadoras ou pouco habituais en Galicia; que teñan a consideración de proxectos piloto; que presenten un impacto territorial, social ou estratéxico relevante a escala supramunicipal; que combinen múltiples usos ou funcionalidades de maneira non convencional; ou que incorporen solucións específicas derivadas de condicionantes ambientais, urbanísticos ou patrimoniais. Deste xeito, as actuación poderán servir como exemplo para toda a cidadanía.
Contías dos apoios
Respecto das contías dos apoios, Fernández Ríos explicou que no caso das empresas e entidades, a suma das axudas concedidas para a redacción do proxecto e para a execución da obra poderá alcanzar os 90.000 euros con carácter xeral. Este límite elévase ata os 250.000 euros nas edificacións en altura, nas actuacións de uso residencial colectivo e nas promocións singulares que cumpran as condicións establecidas na convocatoria. Para as persoas particulares, a contía máxima conxunta das axudas para proxecto e obra será de 45.000 euros.
A intensidade ordinaria da axuda será do 50 % do gasto subvencionable, porcentaxe que poderá incrementarse ata o 70 % cando se utilicen produtos de madeira procedentes de montes galegos certificados e con rastrexabilidade ou produtos amparados pola marca de garantía Piñeiro de Galicia.
Finalmente, o director da Xera subliñou que con esta liña de axudas, o Goberno galego busca a modernización do tecido industrial galego, contribuír á loita contra o cambio climático, afondar en políticas de eficiencia enerxética e achegar confort, saúde e benestar ás persoas que vaian habitar edificacións construídas en madeira.