A Xunta colabora con tres proxectos individuais e colectivos nos Premios Galicia de Acción Voluntaria

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas convocadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dotadas con 12.000 euros

María Cendán, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares son os galardoadas desta edición

As persoas ou iniciativas beneficiarias recibirán 4.000€ por cada unha das tres modalidades de recoñecemento 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para recoñecer publicamente o labor das persoas físicas e xurídicas que desenvolven programas, accións ou proxectos de voluntariado na Comunidade. Así, mediante esta convocatoria, o Goberno galego premia con 12.000 euros tres proxectos, 4.000 euros para cada unha das modalidades convocadas. 

Neste senso, o recoñecemento de persoa voluntaria do ano foi para María Cendán Castillo pola súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado. Pola súa banda, a modalidade de premio á entidade de acción voluntaria outorgóuselle á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias polo seu labor de defensa dos dereitos das persoas con esta doenza neurodexenerativa. 

Finalmente, a distinción na categoría de mellor proxecto recaeu na Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares polo seu proxecto Apoio entre iguais. Esta iniciativa está centrada en mellorar o benestar emocional e social das persoas con cancro hematolóxico, a través dunha rede de acompañamento formada por expacientes voluntarios.

A través desta orde, a Xunta procura poñer en valor o exercicio da acción voluntaria a nivel individual e colectivo e os beneficios que esta lle proporciona a todo o conxunto da sociedade. Ademais, pretende fomentar e promover a participación social da cidadanía no desenvolvemento da acción voluntaria a través de entidades debidamente rexistradas no Rexistro de Acción Voluntaria, ou, no marco dalgunha actividade promovida polo Goberno autonómico ao abeiro da Lei de acción voluntaria. 

Data de actualización: 14/08/2026