A Xunta axuda a máis de 14.000 persoas en situación de vulnerabilidade a través do programa básico

Ao abeiro desta iniciativa, este ano concedéronse preto de 4.000 tarxetas moedeiro que suman unha contía total de máis de 8,3 millóns de euros

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026.

A Xunta vén de facer balance do Programa Básico, que ten como finalidade combater a pobreza severa entre as familias con fillos ao seu cargo e a través do cal neste ano concedéronse máis de 8,3 millóns de euros en axudas.

Esta iniciativa, apoiada con fondos europeos, consiste na posta a disposición das familias de tarxetas ou vales para que merquen con eles produtos básicos de alimentación e hixiene. En 2026 concedéronse un total de 3.973 tarxetas a outras tantas unidades familiares. O número total de persoas beneficiarias ascende a 14.402.

As tarxetas moedeiro que se entregarán ás familias teñen unha validez de 12 meses prorrogables e as súas contías oscilan entre os 130 euros e os 220 euros mensuais, en función da composición da unidade familiar. Estas tarxetas poderán empregarse nos establecementos colaboradores do programa.

As solicitudes de acceso para dispoñer destas axudas tramitáronse a través dos servizos sociais dos concellos. Neste ano, participaron no programa 240 municipios. 

Cruz Vermella, como entidade social adxudicataria da xestión deste programa, encargouse da distribución das tarxetas, de facilitar información sobre os recursos sociais dispoñibles e de proporcionar medidas de acompañamento social ás persoas beneficiarias do programa, tales como o asesoramento sobre a xestión dun orzamento doméstico e a promoción de hábitos de alimentación saudables.

Data de actualización: 14/08/2026