A Xunta informa da finalización das alertas por episodios de calor a partir de mañá xoves

A chegada dunha fronte pouco activa traerá aire atlántico a toda Galicia

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2026.

Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta informa que mañá desactivaranse as alertas por episodio de calor en toda a comunidade.

Tal e como indica Meteogalicia, a chegada dunha fronte pouco activa mañá xoves traerá aire atlántico a toda Galicia, máis fresco e húmido, que provocará un aumento da nebulosidade e un importante descenso das temperaturas. Os valores suaves nos termómetros manteranse tamén nos seguintes días.

O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas está dispoñible nesta ligazón.               

Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.

Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.

Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2026