A Xunta anima ás pemes galegas a participar no programa Responsabilízate para avanzar na súa sustentabilidade ambiental, social e económica

A quinta edición desta iniciativa pioneira en España ofrece asesoramento personalizado e gratuíto nestes ámbitos ás pequenas e medianas empresas, tras ter beneficiado xa un total próximo ás 700 firmas

Este ano incorpórase o servizo de diagnose, asesoramento e planificación do benestar organizacional, que permitirá aplicar nun total de 45 entidades unha metodoloxía específica e detallada, adaptada ao seu tamaño e sector

Avaliaranse os principais piares do benestar organizativo —material, físico, mental e emocional— para identificar fortalezas, debilidades e oportunidades de mellora

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2026

As pemes galegas poden seguir sumándose á quinta edición do programa Responsabilízate, unha iniciativa pioneira en España que ofrece acompañamento personalizado e gratuíto para avanzar na sustentabilidade empresarial. Da proposta, impulsada pola Xunta de Galicia, xa se levan beneficiado preto de 700 empresas de sectores como a construción, a asesoría, os sectores primarios, as TIC ou o turismo.

A edición deste ano incorpora, ademais, novas posibilidades de apoio, entre elas un servizo específico centrado no benestar organizacional. Esta prestación permitirá a 45 pemes coñecer o seu punto de partida nesta materia e deseñar actuacións adaptadas ás súas necesidades, tendo en conta o tamaño e o sector de cada empresa.

A diagnose abordará os diferentes ámbitos que inciden no benestar das persoas no traballo —material, físico, mental e emocional— e permitirá identificar tanto os aspectos que xa funcionan como aqueles nos que existen posibilidades de mellora. Para iso, realizarase unha recollida de información mediante entrevistas, cuestionarios e revisión documental, que se completará coa análise das medidas existentes e da súa eficacia.

O proceso rematará cun informe individualizado para cada empresa, no que se recollerán as principais conclusións e se sinalarán posibles liñas de actuación.

Balance da iniciativa

A través das distintas edicións, o programa Responsabilízate foi ampliando o acompañamento que ofrece ás pemes e microempresas galegas para facilitar a incorporación da sustentabilidade á súa actividade. Ata o momento, as empresas participantes acumulan case 12.000 horas de atención personalizada, que permitiron avanzar na súa avaliación e formación, pero tamén no deseño de plans de acción e na implantación de medidas ambientais, sociais e de gobernanza (ASG).

Entre as actuacións desenvolvidas poden atoparse plans de descarbonización e políticas ambientais, medidas de igualdade e diversidade, iniciativas de conciliación e desconexión dixital, así como memorias de sustentabilidade e códigos éticos.

A iniciativa conta tamén co Selo Responsabilízate, creado para recoñecer e consolidar unha comunidade empresarial comprometida coa responsabilidade social, a gobernanza e a sustentabilidade. O obxectivo é acompañar as pemes galegas na súa transformación sostible e favorecer a súa adaptación a un mercado en continua evolución, contribuíndo a reforzar a súa competitividade a longo prazo.

A aposta do Goberno galego neste ámbito complétase coa convocatoria dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que pechou o prazo de presentación de candidaturas o pasado mes de xuño e cuxa entrega está prevista para o vindeiro mes de setembro.

Data de actualización: 25/08/2026