O conselleiro de Sanidade, acompañado pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, asinou o convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Federación Autismo de Galicia
A Consellería de Sanidade renova a súa colaboración coa Federación Autismo Galicia para o desenvolvemento de actividades de formación, sensibilización e accesibilidade cognitiva
A Consellería de Sanidade destinará á entidade 43.405 euros para a realización destas actividades
Desde o ano 2014 ao 2025, o departamento sanitario da Xunta achegou tamén máis de 104.000 euros ao programa de apoio en contextos naturais para persoas con TEA
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2026
A Xunta vén de renovar a súa colaboración coa Federación Autismo Galicia para promover a sensibilización e a concienciación social sobre o TEA, así como a implementación de medidas de humanización e de acceso aos servizos e procesos sanitarios que faciliten o seu uso por parte de persoas con esta condición.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta da entidade, Mercedes Fernández, asinaron a renovación do convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Federación Autismo Galicia, nun acto no que tamén estivo presente a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz.
Para poder desenvolver estas actividades de formación, sensibilización e accesibilidade cognitiva, o departamento sanitario da Xunta destinará á federación 43.405 euros.
Cómpre sinalar, igualmente, que no ano 2025 obtivo unha axuda de 11.845 euros dentro da Orden de Subvencións para entidades sen animo de lucro de actividades de carácter sociosanitario que publica cada ano Consellería de Sanidade, cun programa de apoio en contextos naturais para persoas con diagnose de trastorno do espectro autista, que beneficiou de xeito directo a 200 persoas. Desde o ano 2014 ata o 2025, a achega total da Xunta para este tipo de programas superou os 104.000 euros.
A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), vén de realizar unha formación específica sobre a Escala de Observación para a Diagnose do Autismo (ADOS-II). Esta ferramenta permite avaliar aspectos clave como a comunicación, interacción social, xogo e condutas repetitivas en nenos, adolescentes e adultos con sospeita de TEA.
Compromiso galego coa saúde mental
O Executivo galego está a ultimar o novo Plan de Saúde Mental, que suporá a consolidación dunha rede de psicoloxía clínica en atención primaria con 50 profesionais e 2030 e eleva desde os 16 ata os 18 anos a idade de atención psiquiátrica infanto-xuvenil. Ademais, inclúe programas de transición á idade adulta e programas formativos para os profesionais.
Cada unha das sete áreas sanitarias conta cunha unidade de atención infanto-xuvenil, especializadas en saúde mental.
Do mesmo xeito, o servizo de atención primaria é clave na detección precoz e nela destacan o programa do Neno San e a Guía de saúde infantil, centrados na atención temperá a pacientes con esta condición.