A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visita o posto de divulgación que ten o Executivo galego no evento de Boimorto

A Xunta anima aos asistentes do Festival de la Luz a actuar de xeito respectuoso co medio ambiente e levar as prácticas sostibles a todos os campos do día a día

Ángeles Vázquez participa nas actividades de ‘Van polo Clima’ que busca sensibilizar á mocidade sobre os retos ante o quecemento global nun ambiente lúdico e festivo

A Consellería colabora un ano máis cos promotores a través de distintas accións divulgativas e sensibilizadoras dirixidas ao público asistente

Boimorto (A Coruña), 30 de agosto de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o posto que a Xunta de Galicia ten no Festival de la Luz, en Boimorto, para animar á mocidade a actuar de xeito respectuoso co medio ambiente e levar as prácticas sostibles a todos os campos da súa vida.

A conselleira salientou que a iniciativa Van polo Clima, impulsada no marco do programa Mocidade polo Clima, pretende implicar á xuventude na loita contra o cambio climático e os retos ante o quecemento global poñendo á súa disposición información actualizada e relevante relacionada con este tema e actividades de carácter lúdico e distendido.

No festival está presente o espazo itinerante de divulgación e formación sobre a importancia da acción climática, que consiste nunha furgoneta rotulada con zona anexa de lecer, xogos e photocall, co obxectivo de chegar a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos.

A maiores, ao igual que nos últimos anos, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático apoia a celebración do Festival de la Luz, financiando diferentes accións promovidas pola organización, que van desde o emprego de diverso material serigrafiado (ecovasos e camisetas para o persoal do evento), a instalación de illas de contedores para unha xestión de residuos selectiva e unha terraza ecolóxica dividida en diferentes espazos identificados coas cores da separación do lixo.  

A colaboración co festival inclúe actividades lúdicas, ente elas, a celebración do Escenario Millo Circus Eco, un espazo familiar que ten lugar nunha carpa e pretende a divulgación e sensibilización entre a cativada sobre a separación de residuos e a reciclaxe mediante espectáculos circenses. Ademais, haberá tamén máis dun cento de proxeccións con consellos e prácticas sostibles nas pantallas laterais do escenario principal e do escenario Cultivando, e catro talleres infantís de temática medioambiental con aforo para 35 nenos por sesión. 

O Festival de la Luz é un evento social e cultural de posta en valor do rural galego, actuacións musicais de distintos estilos, espazos destinados á gastronomía, á artesanía, ao deporte ou a actividades infantís, o que lle dá un marcado carácter familiar. Desde a súa posta en marcha, a organización do festival realizou importantes achegas solidarias a distintas entidades benéficas coa finalidade de axudar ás persoas ou para desenvolver accións como a reforestación de bosques, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2026