María José Gómez sinala a DO Ribeiro como exemplo do bo facer do sector vitivinícola en Galicia

A conselleira do Medio Rural asistiu hoxe á XXXV edición da Festa da Vendima de Leiro e enxalzou o evento como un espazo no que poder celebrar a excelente calidade dos viños galegos e recoñecer o labor das persoas viticultoras

Esta Denominación de Orixe, a máis antiga de Galicia, produciu no ano 2025 uns 7,6 millóns de litros de viño que acadaron un valor económico estimado de 30,7 millóns de euros; e para este 2026 prevé unha vendima abondosa e de calidade

Galicia conta con dez distintivos de calidade (cinco DO e outras tantas IXP) que representan máis do 50 % do valor económico da calidade diferenciada galega, con algo máis de 379 millóns de euros

Gómez reafirmou o compromiso do Goberno autonómico con este eido, ao que se destinan uns 12 millóns de euros anuais a través de diferentes liñas de achegas

Leiro (Ourense), 30 de agosto de 2026

 A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á XXXV edición da Festa da Vendima de Leiro, onde enxalzou a Denominación de Orixe (DO) Ribeiro como exemplo do bo facer do sector vitivinícola en Galicia. Neste sentido, sinalou que este é un evento no que poder celebrar a excelente calidade dos viños que se elaboran en Galicia e recoñecer o labor das persoas viticultoras.

Gómez, que estivo acompañada polos directores xerais da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, lembrou que esta é a DO máis antiga da nosa comunidade, xa que foi recoñecida polo Estatuto do Viño no ano 1932.

A conselleira explicou que, na actualidade, conta cunha superficie inscrita de 1.215 hectáreas e aglutina unhas 1.300 persoas viticultoras, que no ano 2025 produciron uns 7,6 millóns de litros de viño que acadaron un valor económico estimado de 30,7 millóns de euros. Avanzou tamén que neste 2026 se agarda unha vendima abondosa e marcada pola calidade, cunha produción que na DO Ribeiro podería roldar os 10 millóns de quilos.

A titular de Medio Rural incidiu en que os diversos distintivos de calidade relativos ao viño existentes na nosa comunidade poñen de relevo o importante valor que ten o eido vitivinícola en Galicia. Estes selos -cinco denominacións de orixe e outras tantas indicacións xeográficas protexidas- representan máis do 50 % do valor económico da calidade diferenciada galega, con algo máis de 379 millóns de euros.

12 millóns de euros anuais

Seguindo esta liña, María José Gómez reafirmou o compromiso do Goberno autonómico con este sector, ao que se destinan uns 12 millóns de euros anuais a través de diferentes liñas de achegas. Este é o caso das convocatorias para a reestruturación e reconversión de viñedo, a promoción do viño galego en mercados de terceiros países, os investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou unha partida específica para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra.

A esta cifra cómpre engadirlle outras iniciativas deseñadas de xeito específico para apoiar o traballo dos consellos reguladores que, asegurou, realizan un labor fundamental para conservar a cultura vitivinícola e facela medrar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2026