A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe estas actuacións

A Xunta inicia as obras da senda na AC-862 que conectará o núcleo urbano de Ortigueira co aparcadoiro do Festival Internacional do Mundo Celta, cun investimento de 400.000 €

Trátase dun itinerario de medio quilómetro, cuxas obras teñen un prazo de 6 meses, polo que  “a principios do vindeiro ano estará ao servizo da veciñanza”, segundo concretou a conselleira

Allegue salientou que “esta senda facilitará os desprazamentos a pé en condicións máis seguras”, xa que ata agora este traxecto só se pode realizar circulando pola beiravía

Concretou que “a actuación acadará un percorrido cómodo e integrado na paisaxe para o día a día da veciñanza e para os milleiros de persoas que acuden ao festival”

A intervención enmárcase no Plan de Sendas de Galicia, co que a Xunta habilitou máis de 300km de itinerarios peonís e ciclistas e segue ampliando esta rede na comunidade

Ortigueira (A Coruña), 2 de setembro de 2026

A Xunta vén de iniciar as obras da nova senda que conectará o núcleo urbano de Ortigueira co aparcadoiro do Festival Internacional do Mundo Celta, que suporán un investimento autonómico de 400.000 €.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou hoxe estas actuacións que está a desenvolver o Goberno galego nas marxes da estrada autonómica AC-862.

Trátase dun itinerario de medio quilómetro, cuxas obras teñen un prazo de 6 meses, polo que segundo explicou a conselleira, “a principios do vindeiro ano, esta senda será unha realidade ao servizo da veciñanza e de tantos visitantes que se achegan a esta fermosa zona”.

Allegue salientou que “esta senda facilitará os desprazamentos a pé en condicións máis seguras”, xa que ata agora este traxecto só se pode realizar circulando pola beiravía.

Concretou que “esta actuación acadará un percorrido contínuo, cómodo e integrado na paisaxe para o día a día da veciñanza, e especialmente para esa gran cita musical, que reúne cada verán milleiros de persoas”.

Ademais dotarase este itinerario de balizas de alumeado para reforzar a visibilidade e tamén para poñer en valor esta contorna.

A conselleira fixo fincapé na aposta da Xunta pola mobilidade sostible, pois “son actuacións  transformadoras que aumentan a seguridade dos peóns e ademais fomentan hábitos saudables”.

Lembrou que esta intervención se enmarca no Plan de Sendas de Galicia, co que xa se teñen habilitado máis de 300 km de itinerarios peonís e ciclistas na comunidade.  Detallou que a Xunta segue sumando quilómetros de sendas no conxunto de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2026