A Xunta achega preto de 221.000 euros a 12 negocios turísticos da Mariña para modernizar as súas instalacións
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explica que aloxamentos e restaurantes de Barreiros, Ribadeo, Burela, Foz, Viveiro, O Vicedo e A Pontenova beneficiáronse das axudas deste ano para melloras as súas infraestruturas
Barreiros (Lugo), 3 de setembro de 2026
A Xunta destina preto de 221.000 euros a colaborar con 12 negocios turísticos da Mariña na mellora das súas instalacións, a través da orde de axudas convocadas este ano pola Axencia de Turismo de Galicia para impulsar a modernización de aloxamentos e restaurantes.
Así o anunciou o delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, no transcurso dunha visita ao hotel Casa Amadora de Barreiros, que realizou obras de renovación e adquiriu equipamento ao abeiro deste programa.
No conxunto da comarca, as axudas benefician a sete empresas de aloxamento e cinco de restauración situadas en Ribadeo (3), Barreiros (2), Viveiro (2), Foz (2), Burela, O Vicedo e A Pontenova – nos tres últimos, unha por concello -.
As actuacións susceptibles de financiamento inclúen obras para a obtención de certificacións de calidade —especialmente a Q de Calidade Turística— ou para incrementar a clasificación dos establecementos. Tamén figuran proxectos de renovación, modernización e embelecemento da contorna; investimentos en equipamento; melloras de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas; sistemas de climatización e ventilación máis eficientes; dixitalización da xestión e comercialización; e medidas de seguridade e saúde na prestación de servizos.
Villares destacou que A Mariña é un destino de referencia no turismo galego e salientou que a Xunta traballa de xeito continuo da man do sector para seguir dinamizando a oferta turística da zona.