O comisario do Xacobeo 2027 participou na presentación da cuarta edición do festival
O Recorda Fest atraerá á Coruña a miles de visitantes na recta final do verán co apoio dos Concertos do Xacobeo
O festival celebrarase os días 4 e 5 de setembro no Porto da Coruña cunha programación que combina pop, rock, música urbana e atractivas propostas para diferentes xeracións
Hombres G, Juan Magán, La M.O.D.A., Taburete, Cali y El Dandee, Sidecars ou Marlon forman parte dun cartel que reúne grandes nomes da música estatal e novas voces
A Coruña, 1 de setembro de 2026
O Recorda Fest prepara a súa cuarta edición como unha das grandes citas musicais da recta final do verán en Galicia, cunha programación que os días 4 e 5 de setembro levará ao Peirao de Batería do Porto da Coruña unha ampla representación do pop, o rock e a música urbana estatal. O festival conta co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, o programa impulsado por Turismo de Galicia para impulsar a música en directo como atractivo cultural e turístico e favorecer a súa presenza por todo o territorio.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación do festival e destacou a importancia de que A Coruña conte con grandes citas musicais como o Recorda Fest, capaces de atraer público e xerar actividade cultural, turística e económica na cidade. Neste sentido, puxo en valor o carácter estratéxico da cidade herculina como “un dos grandes puntos neurálxicos da música en Galicia” e a súa capacidade para combinar unha oferta cultural de primeiro nivel cunha contorna urbana e marítima de gran atractivo.
Gómez Román salientou tamén os resultados da pasada edición, na que o Recorda Fest reuniu máis de 20.000 persoas no Peirao de Batería, unha cifra que, ao seu xuízo, “demostra a capacidade que teñen os festivais para mobilizar visitantes, xerar consumo e dinamizar sectores como a hostalaría, o comercio e os servizos”.
O representante da Xunta destacou, tamén, a singularidade do espazo escollido para a celebración do festival. “O porto da Coruña é un escenario extraordinario para a música en directo e unha mostra de como os espazos urbanos poden converterse tamén en grandes lugares de encontro cultural”, sinalou, ao tempo que puxo en valor a conexión entre música, cidade, mar e turismo.
Un cartel atractivo para diferentes xeracións
O Recorda Fest chega á súa cuarta edición cun cartel que combina grandes nomes da música estatal con artistas emerxentes e propostas dirixidas a públicos de diferentes xeracións. Hombres G, Juan Magán, La M.O.D.A., Taburete, Cali y El Dandee, Sidecars, Marlon, Hey Kid, Hydn, Inazio, Mafalda Cardenal, Pavlenha ou Galician Army forman parte da programación deste ano.
A primeira xornada, o venres 4 de setembro, contará coas actuacións de Pavlenha, Mafalda Cardenal, Sidecars, La M.O.D.A., Cali y El Dandee e Juan Magán, ademais das Recorda Sessions, que reunirán a artistas como Raúl, Natalia, Selena, Fran Perea, Ella Baila Sola e David Civera. O sábado 5 será a quenda de Hydn, Hey Kid, Inazio, Marlon, Taburete, Hombres G, Modo Perreo e Galician Army, entre outras propostas.
O cartel mantén así unha das características do Recorda Fest: combinar artistas de ampla traxectoria con novas voces e diferentes estilos, creando unha programación capaz de conectar con públicos diversos e de reunir nun mesmo espazo referentes de distintas xeracións.
A Coruña, cidade musical e destino turístico
O comisario do Xacobeo 2027 puxo especialmente en valor o papel de A Coruña dentro do mapa musical galego e a capacidade da cidade para acoller grandes eventos ao longo de todo o ano. “A Coruña é un dos grandes polos culturais e musicais de Galicia. Ten unha escena propia, unha ampla oferta de concertos e festivais e, ademais, conta cunha localización e cunha contorna urbana e marítima que lle permiten ofrecer experiencias culturais moi atractivas para os visitantes”, sinalou.
Neste sentido, destacou que eventos como o Recorda Fest contribúen a “encher de actividade a cidade en momentos concretos do calendario e a diversificar os motivos polos que os visitantes escollen A Coruña”, ao tempo que permiten prolongar a actividade turística máis alá dos meses centrais do verán. Gómez Román destacou tamén o valor da programación musical como elemento de dinamización durante a recta final do verán. “O Recorda Fest contribúe a manter A Coruña como unha cidade viva, activa e atractiva tamén en setembro, cando a música segue sendo un motivo para viaxar e para gozar da cidade”, apuntou.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.