Celebrouse esta mañá en Matosinhos (Portugal)

O comisario do Xacobeo 2027 participa na presentación do Xacobeo Norte Surf Fest en Matosinhos

O evento deportivo celebrarase principalmente en Matosinhos do 1 ao 6 de setembro

Marcos Gómez Román destacou a dimensión transfronteiriza do Camiño, sobre todo do Portugués, e a promoción do Ano Santo 2027 máis aló das fronteiras de Galicia

Porto (Portugal), 31 de agosto de 2026

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou hoxe na presentación da terceira edición do Xacobeo Norte Surf Fest, que se celebrará desde este martes, 1 de setembro, ao domingo, 6 de setembro principalmente na praia de Leça da Palmeira, en Matosinhos, e que este ano dá un importante salto cualitativo coa incorporación, por primeira vez, dunha proba da World Surf League (WSL).

O evento acollerá durante os seis días de programación o WSL Qualifying Series International 6000, unha competición que outorga 6.000 puntos para o ranking internacional e que resulta especialmente relevante no camiño de acceso dos deportistas á Challenger Series. A proba favorecerá ademais a presenza de surfistas procedentes dos cinco continentes, consolidando o festival como unha cita de clara proxección internacional.

Durante a presentación, Marcos Gómez Román destacou o valor deste tipo de iniciativas como ferramentas para proxectar internacionalmente Galicia e o Xacobeo 2027, especialmente nun mercado estratéxico como o portugués.

Neste sentido, puxo en valor a relación do festival co Camiño de Santiago Portugués da Costa, ao desenvolverse nun territorio polo que discorre este itinerario xacobeo e ter Matosinhos un papel relevante dentro da súa traxectoria. A celebración do evento contribúe así a visibilizar a dimensión transfronteiriza do Camiño e a promover o Ano Santo 2027 máis alá das fronteiras de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/08/2026