A festividade chega á súa edición 54 este 2026

A Xunta pon en valor a Noite Meiga de Sarria na súa primeira celebración como Festa de Interese Turístico de Galicia

O director de Turismo de Galicia participou na celebración onde salientou que con este recoñecemento, son xa 37 festas da provincia de Lugo que contan con esta distinción

Sarria (Lugo), 29 de agosto de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración oficial da edición número 54 da Noite Meiga de Sarria. A celebración foi declarada o pasado maio Festa de Interese Turístico de Galicia, xunto coa Romaría de Santa Minia de Brión e a Festa da Ameixa de Campelo en Poio.

O director de Galicia puxo en valor a celebración como “un exemplo de festa local que aposta pola tradición popular e polo patrimonio inmaterial e cultural como ferramenta dinamizadora do destino”. Xosé Merelles referiuse á “recuperación contemporánea da mitoloxía, o folclore e as tradicións populares galegas” como un dos seus grandes valores.

Co recoñecemento da Noite Meiga como Festa de Interese Turístico de Galicia, xa son 37 as festividades da provincia de Lugo que contan con esta distinción. Ademais, “esta declaración reforza a proxección de Sarria máis alá da súa condición de enclave fundamental do Camiño de Santiago”, abundou Xosé Merelles, quen destacou tamén o seu potencial na diversificación da oferta cultural e turística da vila e para a conservación e difusión das tradicións populares galegas.

A Estratexia de Turismo de Galicia 2030 apoia a organización das festas populares pola súa importancia na dinamización da oferta e tamén no posicionamento de Galicia como destino auténtico e diferencial. Para isto, desde Turismo de Galicia favorécese a sinatura de convenios anuais ou da concesión de subvencións a concellos para o apoio, promoción e difusión das celebracións.

Noite Meiga de Sarria

A Noite Meiga celébrase desde o ano 1969 na última fin de semana de agosto. Na súa 54 edición, a programación expándese durante dúas xornadas e incorpora a tradicional Tardiña Meiga, a Andaina con Fachos, música tradicional e contemporánea e, como acto central, a Danza da Noite Meiga.

A Danza da Noite Meiga consiste nunha representación escénica inspirada nunha lenda local que relata a historia de amor entre un mozo e unha meiga. A organización corre a cargo da Asociación Cultural Meigas e Trasgos, entidade creada para recuperar, conservar e divulgar a cultura tradicional galega.

Arredor da celebración desenvólvense outras iniciativas culturais, como certames literarios, de pintura e escultura ou a Bienal de Arte Galega.

Data de actualización: 29/08/2026