A Xunta destaca a traxectoria de máis de tres décadas da Festa da Istoria de Ribadavia como dinamizadora turística a partir do patrimonio histórico de Galicia
Ribadavia (Ourense), 29 de agosto de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asistiu hoxe á Festa da Istoria de Ribadavia, que celebra este ano a súa 37ª edición, unha cita que pon en valor a tradición, o patrimonio e a cultura como elementos dinamizadores do destino e que se desenvolve do 28 ao 30 de agosto coa xornada central este sábado, nunha transformación do casco histórico do concello e a antiga xudería nunha vila medieval mediante a combinación de recreación histórica, artesanía, gastronomía e cultura sefardí.
Declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 1997, a Festa da Istoria contribúe a proxectar a identidade de Ribadavia e a favorecer a chegada de visitantes. Iniciativas coma esta contribúen a diversificar a oferta, dinamizar os territorios e proxectar Galicia como un destino auténtico e diferencial, en liña cos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030. A Festa da Istoria celébrase ademais nun contexto de evolución positiva do turismo na provincia de Ourense, que neste 2026 suma case 200.000 viaxeiros, cun destacado crecemento do mercado internacional, que aumenta máis do 20% en relación ao ano anterior.