A Xunta pon en valor a presenza do Camiño de Santiago no desfile co gallo do Día da Hispanidade de Nova York
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, asistiron ao desfile no que tomaron parte carrozas decoradas por entidades galegas no país con motivos do Ano Santo
En concreto, participaron entidades como a Asociación Española La Nacional e a Casa de Galicia en Nova York, que os representantes autonómicos visitaron posteriormente
Nova York (Estados Unidos), 12 de outubro de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, asistiron ao Desfile da Hispanidade en Nova York, un dos eventos máis importantes da comunidade hispana no país e que conta cunha presenza destacada das entidades galegas. Alí, celebraron que varias destas entidades participasen no acto con carrozas decoradas con motivo do Ano Santo.
Para Gómez Román, este acto é unha oportunidade para mostrar a persoas “de todas as partes do mundo” a cultura e as tradicións da nosa terra. En concreto, no acto estiveron presentes entidades como a Asociación Española La Nacional —con moita presenza galega—, a Casa de Galicia en Nova York, o Centro Español de Queens e o Centro Orensano Social Club, que desfilaron provistas de bandeiras e vestidas con traxes tradicionais.
Este desfile enmárcase dentro do mes da Herdanza Hispánica, que conmemora a contribución, cultura e historia das comunidades hispanas no país. O Desfile da Hispanidade é un dos eventos máis importantes deste mes —que se celebra do 15 de setembro ao 15 de outubro— e ten lugar na Quinta Avenida con comitivas de 21 países de fala hispana.
Tras o desfile, Miranda subliñou a relevancia da participación galega nun evento tan significativo para os españois nos Estados Unidos, onde Galicia ten unha comunidade consolidada e activa. Tamén reafirmou o compromiso da Xunta con estas iniciativas que permiten que a cultura galega teña presenza nos grandes eventos internacionais.
Visitas a La Nacional e á Casa de Galicia en Nova York
Tras o desfile, Rodríguez Miranda e Gómez Román visitaron a Asociación Española La Nacional e a Casa de Galicia en Nova York, onde o secretario xeral salientou a importancia que ten a colectividade galega nas principais cidades do mundo. Nesa liña, puxo en valor os centros como punto de unión dos galegos entre si “e tamén co resto de españois” en Nova York e en todo o país. Actualmente, nos Estados Unidos residen case 240.000 españois, dos cales preto de 30.000 son galegos, un 13 %.
Considerada a institución sociocultural española máis antiga dos Estados Unidos, La Nacional foi fundada en 1868 por un pequeno grupo de españois en Manhattan co obxectivo principal de promover, fomentar e difundir o espírito de fraternidade e solidariedade entre españois e hispano-americanos residentes no pais.
Pola súa parte, a Casa de Galicia en Nova York foi fundada en 1940 co interese de velar polo bo nome de Galicia e apoiar e protexer a todos os asociados e estender dita axuda a todos os con-nacentes e os españois en xeral. Castelao foi nomeado primeiro socio honorario do centro.