O Valadouro acollerá as ‘Festas do Oito’ do 4 ao 7 de setembro, co apoio da Xunta
O delegado territorial participou na presentación da programación, que comezará cunha degustación gratuíta de mexillóns e rematará coa celebración do Día do Neno
O Valadouro (Lugo), 29 de agosto de 2026.- A Xunta colabora coas Festas do Oito, que se celebrarán do 4 ao 7 de setembro en Ferreira do Valadouro cun completo programa de actividades para todos os públicos.
O delegado territorial, Alfonso Villares, participou na presentación da programación xunto con representantes da asociación cultural Ourofest, encargada da organización, e do Concello do Valadouro.
A celebración dará comezo o venres 4 de setembro ás 21,00 horas coa segunda Mexillonada popular na praza de Santa María, onde os asistentes poderán degustar estes bivalvos de xeito gratuíto, e unha cea de confraternidade, para a que é necesaria inscrición previa.
Os festexos prolongaranse o luns cunha tarde dedicada especialmente aos máis pequenos coa celebración do Día do Neno, que contará con inchables, unha festa da escuma e outras propostas de lecer.
A programación complétase coas celebracións litúrxicas, amenizadas por corais locais, actuacións musicais e as tradicionais verbenas.
Villares destacou a importancia de apoiar celebracións coma esta, que “forman parte da identidade e da tradición dos nosos concellos” e que contribúen a “dinamizar a súa vida social e cultural ao tempo que supoñen un notable impulso para a actividade económica local”.