Turismo de Galicia vén de acometer obras financiadas con fondos europeos NextGeneration
A Xunta mellora a accesibilidade e a seguridade aos espazos públicos de Ons priorizando a protección e recuperación da contorna natural
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, vén de acometer unha serie de actuacións na illa de Ons orientadas á renovación e posta en valor dos seus espazos e infraestruturas de uso público, cun investimento conxunto superior aos 2 millóns de euros, financiadas con fondos europeos NextGeneration no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Os traballos, que na actualidade están practicamente finalizados, buscaron facilitar a accesibilidade e a mobilidade das persoas visitantes, reforzar os servizos de información e favorecer unha mellor integración das intervencións na contorna paisaxística dos principais espazos de uso público da illa.
Todas a as actuacións levadas a cabo na Illa de Ons desenvolvéronse con escrupuloso respecto pola contorna natural do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e sempre coa premisa de mellorar a seguridade, accesibilidade e funcionalidade dos espazos para o uso da veciñanza e dos visitantes da illa.
Deste xeito, actuouse sobre elementos que presentaban un progresivo deterioro como consecuencia da exposición ás condicións climatolóxicas e á dinámica litoral, garantindo unhas condicións máis seguras para o tránsito e o acceso ás praias, entre outros espazos.
Ademais, en todo momento se deu prioridade a materiais e técnicas que supuxesen o menor impacto sobre a contorna natural e ao mesmo tempo que garantisen a durabilidade das actuacións executadas, sendo empregadas habitualmente en actuacións de restauración ambiental que ademais de solucionar as necesidades construtivas, melloran as condicións para o establecemento da vexetación. A natureza biodegradable dos materiais permiten tamén a súa integración progresiva no medio, sen xerar residuos unha vez consolidada a cobertura vexetal.
Paralelamente ás obras de mellora das infraestruturas, a área obxecto da intervención atópase inmersa nun proceso de restauración ecolóxica e revexetación, co propósito de favorecer a recuperación da cobertura vexetal e a integración das actuacións no contorno natural da illa.
Con carácter previo á execución das obras desenvolveuse unha campaña de recollida de sementes de especies autóctonas presentes na illa, destinadas á produción de planta para a restauración da cobertura vexetal. As actuacións de plantación levaranse a cabo nos períodos máis axeitados para cada especie, atendendo aos seus ciclos e ás condicións ambientais máis favorables para garantir o seu establecemento e desenvolvemento.