A Xunta apoia con 110.700 euros os proxectos de modernización de cinco establecementos turísticos da comarca de Lemos

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, destacou o esforzo do sector para incrementar a competitividade “nun dos territorios con maior proxección da provincia”

Monforte de Lemos (Lugo), 29 de agosto de 2026

A Xunta destina 110.700 euros a cinco establecementos turísticos da comarca Terra de Lemos para a renovación e modernización das súas instalacións, ao abeiro do programa de axudas convocado pola Axencia de Turismo de Galicia.

Son en concreto un restaurante en Bóveda, senllos establecementos de aloxamento en Pantón e Sober, e outros dous en Monforte de Lemos. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou nesta localidade o Hotel Cardenal, que renovou algúns elementos e mellorou a climatización das dependencias. 

O delegado subliñou o esforzo que está a realizar o sector para ser máis competitivo, “especialmente no xeodestino da Ribeira Sacra, que é un dos de maior proxección turística da provincia”. Ao respecto, indicou que a comarca representa preto do 20% do orzamento correspondente á provincia, onde resultaron beneficiarios 29 negocios de 18 concellos cun investimento total de 575.400 euros.

Os apoios poden destinarse a reformas, adquisición de equipamento, melloras na accesibilidade e a eficiencia enerxética, avances na dixitalización dos sistemas de xestión ou á instalación de equipos de seguridade. Tamén se inclúen as obras orientadas a incrementar a categoría ou a obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.

 

 

 

 

 

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Delegación Territorial

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2026