O Diario Oficial de Galicia publica, hoxe luns, a convocatoria 2026/20
A Xunta impulsa con 9 M€ axudas para mellorar a eficiencia enerxética de establecementos nunha aposta pola sostibilidade a competitividade do sector
O director de Turismo de Galicia visitou o Hotel Rías Bajas de Pontevedra que se beneficiou o pasado 2025 desta liña de apoio
Desde que se convocaron por primeira vez en 2022, máis de 200 establecementos turísticos recibiron axudas para estas actuacións, na que se investiron 14M€
Os establecementos interesados poderán solicitar as axudas desta convocatoria a partir do luns, 7 de setembro, ata o 7 de decembro deste ano
Pontevedra, 31 de agosto de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou esta mañá o Hotel Rías Baixas, en Pontevedra, un dos negocios beneficiarios das axudas á mellora da eficiencia enerxética para establecementos turísticos, das que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica unha nova convocatoria, dotada cun orzamento total de 9M€ para os exercicios 2026 e 2027.
Esta convocatoria dá continuidade á de 2025, na que se investiron máis de 11M€ en obras de mellora de eficiencia enerxética de establecementos turísticos. En total, a Xunta de Galicia destinou máis de 14M€ desde 2022 na súa liña de apoio á eficiencia enerxética, cos que se chegaron a máis de 200 establecementos turísticos, aos que agora se sumarán os da nova convocatoria.
Esta liña de axudas amosa como “a Xunta reforza o seu compromiso cun modelo turístico máis competitivo, innovador e respectuoso co medio ambiente, promovendo a redución do consumo enerxético no sector e impulsando o uso de enerxías renovables”, nas palabras do director de Turismo de Galicia.
Durante a súa visita ao hotel Rías Biaxas -que contou cunha subvención de 288.000€ para o cambio de fiestras e a instalación de novo sistema de aerotermia-, Xosé Merelles incidiu en que, con estas medidas, “Turismo de Galicia aposta por un sector turístico máis eficiente e sostible, co obxectivo de reducir a pegada de carbono no sector turístico”.
Nova convocatoria
O texto publicado hoxe no DOG recolle un investimento total de 9M€ para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, dos que 900.000€ irán para a anualidade 2026 e 8,1M€ para 2027. Poderán ser beneficiarias todas as persoas físicas e xurídicas coa condición de pemes titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, agás determinadas excepcións.
Os proxectos deberán ter un carácter integral e combinar mínimo dúas actuacións de eficiencia enerxética cun ou máis investimentos en enerxías renovables en establecementos de aloxamento e restauración.
Así, entre as actuacións subvencionables atopamos a mellora da envolvente dos edificios, a renovación da iluminación por sistemas máis eficientes, así como a implantación de instalacións de enerxía solar térmica, xeotermia, biomasa, aerotermia ou hidrotermia e sistemas fotovoltaicos para autoconsumo.
As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, ata que se esgote o orzamento da convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses e iniciarase ás 9.00 horas do vindeiro luns, 7 de setembro, pechando o 7 de decembro de 2026 ás 20 horas -agás que se esgote antes o crédito-.