A acción, que se desenvolverá durante o mes de setembro, pon o foco no logo da cuncha como símbolo de calidade e confianza

A Xunta lanza unha nova campaña para reforzar o Selo Galicia Calidade como distintivo de garantía dos produtos e servizos galegos

Incluirá anuncios en televisión, radio, prensa dixital e escrita, así como con materiais para soportes urbanos

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia promociona o selo de garantía Galicia Calidade a través dunha nova campaña publicitaria dirixida sobre todo a promocionar esta acreditación e poñer en valor os produtos e servizos que xa contan con ela. Baixo a clave ‘Con Cuncha’, a campaña xoga co popular logo de Galicia Calidade para poñer o foco na certificación que obteñen os produtos, as marcas e os servizos baixo este selo. 

Galicia Calidade conta cunha traxectoria de arredor de tres décadas como aval de garantía. En 2025 viuse reforzada a través da campaña “E se calidade fose un lugar”, na que se identificou a marca país nunha nova estratexia de promoción turística. Agora, con esta nova campaña, ponse o foco no que fai diferentes a eses produtos e servizos que levan o selo a través da súa identidade visual -a cuncha- para, así, enriquecer a idea xeral da calidade na percepción global da comunidade. 

Para iso, realizáronse tres carteis promocionais xogando con tres elementos distintos -un hotel, un viño e unha xoia- arredor dos que xira a imaxe, destacando na grafía que ’cando un produto ou servizo leva a nosa cuncha é porque ten a súa calidade certificada’. A estes súmase un spot televisivo -con versión radiofónica- no que o centro é unha consumición nun establecemento, concluíndo que ‘cando un produto ou servizo é Galicia Calidade, sabes que é a mellor elección, sen dúbida’.

A campaña, que se desenvolverá durante o mes de setembro, inclúe accións publicitarias nos principais medios. Emitiranse 85 spots en televisión, en distintas franxas horarias e programas, así como 330 cuñas de radio, en distintas emisoras nacionais e autonómicas, de programación convencional e musical. 

Ademais da presenza en televisión e radio, están previstos tamén 40 anuncios en prensa, tanto no ámbito galego como nacional, así como banners nas principais cabeceiras dixitais galegas e outros materiais para redes sociais. A acción complétase coa presenza en soportes urbanos, con máis de 150 pantallas e mupis na primeira quincena do mes de setembro.

149 empresas certificadas

A marca de garantía conta na actualidade cun total de 149 empresas con produtos e servizos certificados de todos os sectores da economía galega, onde o turismo e a gastronomía supoñen máis do 60% do total.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2026