A Xunta amosa en Santiago de Compostela este sábado a singularidade dos Entroidos Tradicionais de Galicia cun desfile que reunirá 20 celebracións
Este sábado 5 de setembro, a capital galega reunirá 20 Entroidos, cinco deles declarados Festa de Interese Turístico, nun desfile que achegará ao público a singularidade dunha das manifestacións máis características da identidade cultural galega
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026
As rúas de Santiago de Compostela converteranse este sábado, 5 de setembro, nun escaparate da riqueza, autenticidade e diversidade dos Entroidos Tradicionais de Galicia, nun desfile promovido por Turismo de Galicia que permitirá descubrir nun mesmo espazo diferentes formas de vivir e expresar esta celebración e poñer en valor o seu carácter de patrimonio cultural e o seu potencial como atractivo turístico.
A iniciativa ofrecerá unha oportunidade única para coñecer a diversidade do Entroido galego fóra das súas datas habituais de celebración, achegando ao público a riqueza dunha tradición que se mantén viva nos diferentes territorios de Galicia e que se expresa a través de personaxes, vestimentas, músicas, rituais e costumes propios de cada lugar.
O desfile contará coa participación de 20 Entroidos tradicionais galegos, cinco declarados Festa de Interese Turístico: Cobres, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia e os Xenerais da Ulla. A presenza destes Entroidos permitirá amosar a diversidade de cada celebración e, ao mesmo tempo, o fío común que une todas elas como parte dun patrimonio transmitido de xeración en xeración e profundamente arraigado nas comunidades locais.
A Praza do Obradoiro será o punto de partida desta cita, que dará comezo ás 12:30 da tarde e percorrerá algunhas das principais rúas do casco histórico de Santiago de Compostela. Previamente, desde as 10:30 horas, a propia praza contará coa actuación de DJ Mil e a Banda do Beat, nunha proposta que combinará música tradicional galega con novos sons para acompañar a chegada do público e crear ambiente antes do comezo.
Un patrimonio cultural vivo con gran atractivo turístico
O Entroido constitúe unha das expresións máis características da identidade cultural galega e representa tamén un importante recurso para a promoción turística de Galicia. A súa riqueza e singularidade permiten ofrecer aos visitantes experiencias vinculadas coas tradicións de cada contorna, ao tempo que favorecen o coñecemento dos diferentes territorios nos que estas celebracións se manteñen vivas.
Personaxes como os cigarróns, peliqueiros, volantes, xenerais, pantallas, boteiros, felos, bonitas, galos, madamas e galáns, entre moitos outros, forman parte dun patrimonio inmaterial que continúa vivo grazas á participación das comunidades locais e á súa transmisión entre xeracións.
A celebración deste desfile na capital de Galicia permitirá vincular as diferentes tradicións do Entroido co centro histórico de Santiago de Compostela, un dos principais destinos turísticos de Galicia. Neste sentido, o desfile de Santiago permitirá achegar esta riqueza cultural tanto aos visitantes como á cidadanía e amosar, nun único percorrido, a variedade de formas nas que o Entroido se manifesta ao longo da xeografía galega, dando visibilidade aos concellos de procedencia das diferentes manifestacións participantes.