O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse hoxe coas compañías que integrarán a delegación galega na 34ª edición do festival portugués

A Xunta avanza na proxección internacional da danza galega ampliando a súa participación na Quinzena de Almada

O certame inaugurarase coa peza ‘A espera do baleiro’, coprodución da Companhia de Dança de Almada e o Centro Coreográfico Galego como froito da colaboración iniciada na edición de 2025

Colectivo DeXeito, Corpo Liminal, Julia Laport e Nova Galega de Danza representarán a Galicia do 1 ao 4 de outubro no segundo Foco Galicia Danza no encontro luso

A iniciativa ofreceralles ás compañías seleccionadas catro días de exhibición, promoción e encontros profesionais con máis de 25 programadores internacionais

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse hoxe cunha representación das compañías e artistas que participarán na 34ª Quinzena de Dança de Almada para coordinar a presenza galega no festival no marco do II Foco Galicia Danza no encontro luso, que terá lugar do 1 ao 4 de outubro.

Na xuntanza participaron Esther Latorre e Hugo Pereira, de Colectivo Glovo, entidade que colabora na organización do programa; Pablo Vázquez e Saray Amorín, de Colectivo DeXeito; Ana Erdozain, de Corpo Liminal e Ábrego; Julia Laport; Iván Villar, de Nova Galega de Danza, así como Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza.

Máis alá do II Foco Galicia Danza, a presenza galega nesta vindeira edición refórzase coa peza inaugural do festival, A espera do baleiro, unha coprodución da Companhia de Dança de Almada e a Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego.

Primeira coprodución con Almada

A primeira peza coproducida pola unidade pública galega cunha estrutura portuguesa é resultado da participación de Galicia na pasada edición do certame. A proposta conta cun equipo artístico galego e atópase neste momento en pleno proceso de creación para a súa estrea na apertura do encontro os días 25 e 26 de setembro no Teatro Municipal Joaquim Benite de Almada.

A dirección creativa e coreografía corren a cargo de Xián Martínez, de iXa, con Elena Castellanos e Paula Urquijo como asistentes creativas; Marta Alonso Tejada na asistencia de dramaturxia; Nicolás Danis Barcalá e Noelia Picadizo no deseño de vestiario, e Mondra e Pedro Iglesias na música orixinal. Inspirada nas tradicións compartidas entre Portugal e Galicia, A espera do baleiro revisita desde o presente un legado común e interrógase sobre como sobreviven, se transforman e adquiren novos significados os ritos vinculados á despedida.  

Exhibición, promoción e contactos profesionais

Colectivo DeXeito, Corpo Liminal, Julia Laport e Nova Galega de Danza completarán a representación galega en Almada como integrantes da segunda edición do Foco Galicia Danza. As catro propostas seleccionadas son [En Blanco], de Colectivo DeXeito; Ábrego, de Corpo Liminal; Extender como si pudiera, de Julia Laport, e CREDO, de Nova Galega de Danza.

O Foco inclúe, ademais da presentación das pezas seleccionadas, un programa profesional orientado a favorecer a visibilidade das compañías e xerar novas posibilidades de circulación e colaboración internacional. Durante os catro días de estadía en Almada, as compañías poderán presentar os seus proxectos e traxectorias en formato pitching, dando a coñecer tanto as pezas seleccionadas como a súa identidade artística, repertorio e liñas de traballo.

Así mesmo, están previstos encontros con máis de 25 programadores e profesionais procedentes de diferentes países, así como a posibilidade de establecer contactos con artistas e compañías internacionais e asistir a outras propostas da programación.

Impulsado pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e coordinado xunto a Colectivo Glovo, o Foco Galicia Danza busca reforzar a presenza e a proxección da danza producida en Galicia en contextos profesionais internacionais. A convocatoria desta segunda edición recibiu un total de 30 proxectos de compañías profesionais do país.

A acción enmárcase na liña estratéxica de Impulso da exhibición e distribución da danza e das artes do movemento, recollida no Plan Integral para a Danza de Galicia, aprobado polo Goberno galego tras un proceso participativo co sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026