Villaverde entrega a Real Conservera o distintivo ‘Artesanía Alimentaria’ para as súas conservas do mar
A Consellería do Mar concedeu á empresa cambadesa máis de 2,5 M€ desde a súa fundación para apoiar investimentos e impulsar novos proxectos
Cambados (Pontevedra), 3 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe as instalacións de Real Conservera Española, onde fixo entrega á compañía do diploma oficial que a distingue como ‘Artesanía Alimentaria’ para o grupo de produtos de conservas do mar. O recoñecemento, outorgado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), permite á empresa empregar este selo da Xunta de Galicia nas súas elaboracións.
Villaverde destacou que a industria conserveira forma parte da tradición alimentaria e mariñeira de Galicia, cun saber facer transmitido ao longo de xeracións que permite transformar os produtos do mar e incrementar o seu valor. Precisamente, as conservas artesás de peixes e mariscos contan desde 2025 cuns requisitos específicos para poder ser recoñecidas como tales. Entre outras condicións, a norma regula as materias primas e os procesos de elaboración, limita a mecanización a determinadas fases nas que se require a intervención expresa da persoa artesá e vincula o volume máximo de produción á condición de microempresa. Ademais, cando exista unha DOP ou IXP para a materia prima base empregada, esta deberá estar certificada baixo a correspondente figura de protección.
A titular de Mar puxo en valor a Artesanía Alimentaria como figura de calidade diferenciada, que permite conservar o saber facer tradicional, diferenciar as producións galegas no mercado e incrementar o seu valor engadido. Villaverde sinalou que este recoñecemento contribúe tamén a reforzar a identidade dos produtos galegos e o carácter artesanal dos que levan o distintivo.
Villaverde resaltou tamén o respaldo continuado da Xunta ao desenvolvemento e consolidación de empresas coma esta, á que a Consellería do Mar concedeu axudas por un importe total de 2,59 M€ dende a súa fundación. Estes apoios permitiron acompañar diferentes etapas da súa actividade, desde investimentos destinados á transformación e comercialización dos produtos do mar ata medidas extraordinarias para facer fronte a situacións que afectaron ao sector.
A conselleira incidiu en que este tipo de apoios responden á aposta do Goberno galego por favorecer unha industria transformadora competitiva e capaz de xerar maior valor engadido, apoiándose na calidade, na diferenciación e na tradición como elementos que reforzan a posición dos produtos galegos nos mercados.