A Xunta apoia á Confraría da Coruña na sementeira de 1,1 millóns de unidades de ameixa babosa para rexenerar os bancos marisqueiros do Burgo
Enmárcase na orde de axudas autonómica destinada a proxectos de restauración e conservación da biodiversidade mariña e os recursos marisqueiros
Desde catro embarcacións repartíronse 990 quilos de semente tanto na zona de autorizacións coma no banco de libre marisqueo da ría
A Coruña, 3 de setembro de 2026
A Confraría de Pescadores da Coruña vén de levar a cabo unha nova sementeira de ameixa babosa (Venerupis corrugata) na ría do Burgo co obxectivo de recuperar a biomasa e consolidar a actividade extractiva nos seus bancos submareais. A intervención realizouse ao abeiro do proxecto de restauración e conservación financiado pola Consellería do Mar a través da orde de axudas destinada a proxectos de restauración e conservación da biodiversidade mariña e os recursos marisqueiros.
Ao longo da xornada depositáronse nas augas do estuario un total de 1.099.999 unidades de semente —preto de 990 quilos— cunha talla de entre 16 e 18 milímetros. Os labores de espallamento executáronse desde catro embarcacións auxiliares do sector. A achega de bivalvos distribuíuse de xeito estratéxico en dous espazos diferenciados para afianzar a repoboación do esteiro.
O meirande volume da intervención concentrouse na zona de libre marisqueo, concretamente no banco de Canle da Ría, onde se espallaron 803.707 unidades que suman 720 quilos de ameixa, mentres que os restantes 270 quilos —correspondentes a 296.292 exemplares— destináronse ao banco Canle Principal, situado dentro da zona de autorizacións.
Esta actuación forma parte das medidas de recuperación ambiental e apoio técnico que promove o pósito coruñés co respaldo da Xunta para restablecer o potencial produtivo e facilitar a actividade das mariscadoras e mariscadores a pé e a frote que faenan na ría.