En resposta a unha pregunta na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, Luis León detalla os resultados da actividade asistencial nos meses de verán
O xerente do Servizo Galego de Saúde destaca as preto de 800.000 urxencias atendidas entre xuño e agosto como mostra do funcionamento da planificación sanitaria do verán da Xunta
Indica que o sistema sanitario galego deu resposta a máis de 309.000 atencións en urxencias hospitalarias, 7.000 máis que o ano pasado
Detalla que tamén se incrementou a actividade nos puntos de atención continuada, con arredor de 482.000 atencións este verán, fronte a case 451.000 en 2025
Defende a planificación do Servizo Galego de Saúde, baseada en datos históricos de actividade, na ocupación hospitalaria de anos anteriores e no incremento da poboación en determinadas zonas, xunto co dereito ao descanso dos profesionais
Lembra que a Xunta destina no período estival máis de 10 M€ a garantir a cobertura asistencial con contratacións para substitucións e reforzos
“Cando un sistema atende máis de 482.000 urxencias nos PAC, máis de 309.000 urxencias hospitalarias e incrementa a actividade en atención primaria resulta difícil defender que exista unha situación de abandono da asistencia sanitaria”, remarca
Subliña que o problema que actualmente máis está a afectar á capacidade dos sistemas sanitarios de toda España é a folga médica contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central, xunto co déficit de profesionais
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, destacou hoxe o incremento da actividade asistencial nas urxencias hospitalarias e de atención primaria entre os meses de xuño a agosto, con preto de 800.000 urxencias atendidas, como mostra do funcionamento do Plan sanitario de verán e da planificación da Xunta.
En resposta a unha pregunta no marco da Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, o xerente do Sergas defendeu a planificación do Goberno galego baseada en datos históricos de actividade, na ocupación hospitalaria dos anos anteriores e no incremento da poboación en determinadas zonas.
Desta forma, e en combinación co dereito a vacacións do persoal, a Xunta destinou este ano máis de 10 millóns de euros á cobertura asistencial durante o período estival mediante contratacións para substitucións e reforzos específicos, entre os que sinalou a contratación de 96 novos médicos de familia que remataron a súa formación MIR.
Luis León explicou que o sistema sanitario galego deu resposta a máis de 309.000 atencións en urxencias hospitalarias, 7.000 máis que o ano pasado.
Concretou que a media diaria de atencións nas urxencias hospitalarias situouse este verán en máis de 3.300 pacientes nos 14 hospitais da sanidade pública, semellante a 2025, cando a media diaria estivo ao redor dos 3.200 pacientes.
En concreto, Luis León citou o moderado incremento dos tres principais hospitais, ao que se deu resposta: as urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña pasaron de atender 54.920 pacientes no verán de 2025 a 56.914 este ano; no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela foron atendidas 42.011 urxencias o verán pasado fronte a 43.037 en 2026; e no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo atendéronse o ano pasado 55.414 urxencias e 57.858 este verán.
Nas urxencias de atención primaria, entre xuño e agosto, os puntos de atención continuada atenderon 482.153 pacientes, incrementando o número con respecto ao ano pasado, cando se atenderon 450.848 persoas no mesmo período.
“Cando un sistema atende máis de 482.000 urxencias nos PAC, máis de 309.000 urxencias hospitalarias e incrementa a actividade en atención primaria resulta difícil defender que exista unha situación de abandono da asistencia sanitaria”, concluíu Luis León.
Por outra banda, o xerente do Servizo Galego de Saúde insistiu en que no verán todos os hospitais públicos teñen dispoñibles o 100 % das camas, no caso de ser necesarias. A planificación de camas operativas realízase sobre a base a criterios obxectivos e, tal e como reiterou Luis León, “fíxose cunha ampla marxe de seguridade, 20 puntos por riba das necesidades observadas realmente durante o período estival”. En concerto, planificouse manter operativas o 90,6 % das camas durante o verán, tendo en conta o en 2025 foron necesarias o 71,26 %.
Por último, o xerente do Sergas mencionou a folga médica contra o Estatuto Marco, promovido polo Goberno central, como o factor que máis está a condicionar a xestión sanitaria en toda España, xunto co déficit de profesionais en determinadas especialidades. A falta de vontade de diálogo do Ministerio de Sanidade repercute directamente na atención á cidadanía e as folgas xa supuxeron a suspensión de case 280.000 actos médicos en Galicia desde decembro.