Aneiros destaca en Narón a aposta da Xunta pola formación para o emprego cunha convocatoria de 60 M€

A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou hoxe no centro de formación Impulsa Formación y Empleo ao alumnado dunha das Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD) que o centro imparte cunha achega de máis de 124.000 euros do Goberno galego

Narón (A Coruña), 4 de setembro de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no centro de formación Impulsa Formación y Empleo, de Narón, ao alumnado dunha das dúas Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD) que imparten cunha achega de máis de 124.000 euros do Goberno galego na convocatoria 2026-2027.

Durante a visita Aneiros puido charlar cos participantes do curso de Soldadura por arco baixo gas protector con electrodo consumible. Alí, interesouse polo seu grao de satisfacción con esta iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración enfocada á adquisición e mellora de competencias profesionais.

A representante autonómica recordou que a convocatoria 2026-2027 deste programa está dotada con 60 M€, cos que o Goberno galego pretende reforzar a cualificación profesional e facilitar a inserción laboral da cidadanía. A delegada da Xunta sinalou tamén que esta iniciativa está integrada no novo modelo de formación para o emprego impulsado pola Administración autonómica, “que conta cunha maior flexibilidade, simplificación administrativa e adaptación ás necesidades reais do tecido empresarial galego, dando resposta así ás vacantes que existen no mercado laboral”.

A Xunta financiou nesta convocatoria na comarca de Ferrolterra, ata agosto, un total de 41 accións formativas para desempregados en 13 entidades no ámbito da Delegación territorial por valor de máis de 2 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026