A conselleira María José Gómez visitou en Cambados a empresa Hortasol, que foi beneficiaria destas achegas

Medio Rural destina nunha década máis de 200 M€ ás axudas a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios

Gómez reafirma o apoio da Xunta a un sector primario “que soubo evolucionar” e que conta con empresas “modernas, innovadoras e comprometidas coas sustentabilidade, capaces de transformar e comercializar os nosos produtos creando emprego e riqueza”

Salienta o carácter familiar e a ampla experiencia de Hortasol, así como a súa contribución a un rural con futuro, dando continuidade a un proxecto empresarial mediante a remuda xeracional

Pon esta industria como exemplo de beneficiaria da nova liña de subvencións a investimentos con obxectivos ambientais e lembra que esta última convocatoria contou cun orzamento global de 23 M€ e apoia un total de 36 iniciativas empresariais

Cambados (Pontevedra), 4 de setembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que o seu departamento destinou na última década máis de 200 millóns de euros ás axudas a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios. Foi nunha visita á empresa Hortasol, situada en Cambados e que foi beneficiaria destas achegas. Así, acaba de serlle aprobada unha subvención de preto de 100.000 euros para apoiar investimentos con obxectivos ambientais, que lle permitirá, entre outras cousas, dotarse de paneis solares e de tres transpaletas eléctricas para mover mercadoría.

Precisamente, a conselleira puxo esta industria hortofrutícola como exemplo de beneficiaria da nova liña de axudas a investimentos con obxectivos ambientais, coas que se pretende favorecer un modelo produtivo máis eficiente, máis competitivo e  máis respectuoso co medio ambiente. Ademais, lembrou que a última convocatoria destas subvencións contou cun orzamento global de 23 M€ e apoia un total de 36 iniciativas empresariais.

Empresa familiar e con experiencia

Así mesmo, Gómez salientou o carácter familiar e a ampla experiencia de Hortasol e tamén a súa contribución a un rural con futuro, dando continuidade a un proxecto empresarial mediante a remuda xeracional. Sobre as súas cifras, puxo en valor a súa facturación próxima aos dous millóns de euros/ano, o movemento de entre 1.000 e 1.500 toneladas anuais de produto e un cadro de persoal de oito traballadores.

Neste contexto, a conselleira reafirmou o apoio da Xunta de Galicia a un sector primario “que soubo evolucionar” e que conta con empresas “modernas, innovadoras e comprometidas coas sustentabilidade, capaces de transformar e comercializar os nosos produtos creando emprego e riqueza”, caso de Hortasol.

Deste xeito, concluíu Gómez, o Goberno galego acompaña o sector primario na súa modernización e mellora a súa capacidade para competir, ao tempo que -sinalou- “contribuímos a construír o rural que queremos”. Un rural que definiu como “activo, profesional, innovador e sostible”, no que “empresas familiares como Hortasol demostran que tradición e modernidade son compatibles”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026