O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou a programación para os próximos meses xunto aos artistas participantes
A Xunta consolida o impulso á proxección exterior da música galega a través de 12 novos concertos no circuíto ‘AIEnRUTa’
A colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes garante a participación de tres artistas ou bandas galegas en cada semestre desta rede estatal
Mondra, Montedapena e mariagrep & Mundo Prestigio suman os seus vindeiros directos aos xa realizados por De Ninghures, Eladio y Los Seres Queridos e Mad Martin Trio
Os tres proxectos seleccionados para esta segunda metade de 2026 actuarán en salas de Barcelona, Valencia, Madrid, Badaxoz, Valladolid, Oviedo, Zamora e San Sebastián
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a participación de Mondra, Montedapena e mariagrep & Mundo Prestigio no segundo semestre de AIEnRUTa-Artistas, o programa organizado pola Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes (AIE) para potenciar a música en directo e favorecer a circulación de artistas por salas de todo o Estado. O acto contou coa intervención dos responsables desta rede musical, así como cos grupos seleccionados, e pechouse cunha actuación de Eladio y Los Seres Queridos, unha das tres formacións galegas que participaron no circuíto durante o primeiro semestre deste ano xunto a De Ninghures e Mad Martin Trio, que tamén se sumaron á presentación.
Sutil enmarcou esta colaboración na liña estratéxica de impulso á proxección exterior da música de Galicia recollida no Plan Estratéxico da Industria Musical, elaborado pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) coa colaboración coa Xunta de Galicia. Segundo sinalou, “a presenza estable de artistas galegos nun circuíto destas características contribúe a ampliar as súas posibilidades de circulación, a chegar a novos públicos e a reforzar o posicionamento da nosa música fóra de Galicia”.
A iniciativa dálle continuidade ao acordo iniciado no segundo semestre de 2025, mediante o que se garante a presenza de tres artistas ou bandas galegas en cada período de programación de AIEnRUTa, coa realización de catro concertos por cada proxecto seleccionado por unha comisión integrada por representante da entidade organizadora de todas as comunidades autónomas participantes e de persoas expertas no eido musical. Coa escolma resultante configúrase AIEnRUTa-Artistas, un programa da AIE para potenciar a música en directo e achegar artistas ao público a través dun circuíto de actuacións en locais de toda a xeografía española.
Máis de 50 propostas galegas
A resposta do sector á iniciativa incrementouse desde o inicio desta colaboración, xa que se pasou das 12 inscricións rexistradas en 2025 ás máis de 50 propostas presentadas na convocatoria actual.
Neste sentido, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais destacou que este incremento “proba o interese que esperta entre os nosos artistas unha ferramenta de promoción e intercambio que lles permite acceder a salas e cidades de diferentes puntos do Estado e ampliar as súas redes profesionais”.
Mondra, Montedapena e mariagrep & Mundo Prestigio son os proxectos galegos que forman parte do circuíto neste segundo semestre de 2026. Mondra iniciará o seu percorrido o 24 de setembro en Barcelona e continuará por Valencia o día 25, Madrid o 26 e Badajoz o 30 de outubro. O artista presenta A RONDA, a produción escénica ligada ao seu segundo álbum, DE RONDA, na que combina voces, sintetizadores e percusións tradicionais e incorpora tamén a danza.
Pola súa banda, Montedapena actuará en Madrid o 15 de outubro, en Mayorga (Valladolid) o día 16, en Oviedo o 30 e pasará por Zamora o 31. O proxecto de Héctor Rodríguez presenta este ano Menos mal, un EP que dá continuidade ao camiño iniciado co seu primeiro disco homónimo, publicado en 2025.
mariagrep & Mundo Prestigio completa a representación galega desta segunda metade do ano, cunha xira que inclúe actuacións en Valencia o 18 de setembro, San Sebastián o 17 de outubro, Oviedo o 13 de novembro e Barcelona o 17 de decembro.
Intercambio coa escena estatal
Esta colaboración permite ademais que as bandas seleccionadas poidan beneficiarse dos acordos establecidos por AIE con estruturas como o Instituto Cervantes, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento ou as plataformas Sounds from Spain e The Hispanic Wave, así como con medios de comunicación, feiras, festivais e outras entidades vinculadas á promoción musical.
Ao tempo, AIEnRUTa desenvolverá ata final de ano 28 actuacións de grupos doutras comunidades en trece salas galegas e dous festivais. Os concertos terán lugar na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, La Room de Ferrol, Mardi Gras da Coruña, Espazo Creativo Lago Mar de Muxía, Clavicémbalo e Jagger de Lugo, Café Cultural Auriense de Ourense, A Casa das Crechas de Santiago de Compostela, Supersonic e A Fábrica de Chocolate de Vigo, El Náutico de San Vicente, Aturuxo de Bueu e Sala Rebullón de Mos, ademais dos festivais Sinsal e Maré.