A IV Festa dos Ovos Rotos e Feira de Artesanía de Ribeiras de Lea celebrarase o 12 de setembro co apoio da Xunta

Lugo, 2 de setembro de 2026

A IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía de Ribeiras de Lea, no concello de Castro de Rei, celebrarase o día 12 de setembro e contará un ano máis co apoio da Xunta de Galicia.

A Delegación territorial do Goberno galego en Lugo acolleu esta tarde a presentación do programa de actividades, coa participación do delegado territorial, Alfonso Villares; o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado; e membros da Asociación de Veciños Ribeiras do Lea, organizadora do evento.

A xornada comezará ás 11,30 horas coa apertura da feira de artesanía e artesanía alimentaria, mentres que a inauguración oficial da festa está prevista para as 12,30 horas. Ás 14,45 horas comezará o xantar popular baixo carpa, que terá como prato principal os ovos rotos con chourizo. As persoas interesadas en participar poden adquirir os tickets ata o 9 de setembro nos establecementos habilitados pola organización (que figuran no cartel anunciador e nas redes sociais da asociación).

Durante a xornada haberá tamén showcookings e degustacións gratuítas de centos de tapas elaboradas cos produtos que dan nome ao evento, pasarrúas, xogos tradicionais, unha concentración de Vespas clásicas e demostracións en vivo de diferentes oficios tradicionais, como os de ferreiro, canteiro, zoqueiro ou cesteiro, entre outras propostas.

O delegado territorial gabou o traballo dos organizadores para manter esta celebración, “que ano tras ano vai medrando e converténdose nunha cita de referencia para Castro de Rei e a súa contorna”. Villares referiuse ao evento como “unha boa oportunidade para poñer en valor a nosa gastronomía, os produtos locais e as tradicións que forman parte da identidade da provincia”.

Os organizadores confían en repetir o éxito da última edición, na que serviron arredor de 800 pratos.

Data de actualización: 02/09/2026