O presidente da Xunta visitou hoxe aos rapaces que participan no campamento ‘O mar que imaxinas’ no albergue das Sinas
Rueda destaca a aposta da Xunta polos campamentos e actividades de verán para a mocidade cunha cifra histórica de case 12.000 prazas
Salienta que Galicia é un referente estatal neste eido e presenta unha oferta diversa, inclusiva e de calidade
A Xunta destina este ano 5,5 M€ a campamentos, intercambios con outras comunidades, campos de voluntariado ou actividades de lecer alternativo
Resalta que este tipo de iniciativas permiten aos rapaces desfrutar de actividades lúdicas e deportivas á vez que amplían coñecementos sobre a contorna
Trátase dun importante recurso para a conciliación das familias e para xerar emprego nos meses de verán
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 1 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Executivo autonómico por poñer a disposición da mocidade e as súas familias unha oferta de campamentos e actividades de verán que sexa diversa, inclusiva e de calidade. En palabras do presidente, esta aposta supón un esforzo que “vale a pena, claramente: non hai máis que facer unha visita como esta para darse conta do enriquecedor que é”.
Rueda visitou esta mañá os rapaces que participan no campamento O mar que imaxinas, no albergue das Sinas en Vilanova de Arousa. Durante a visita, na que estivo acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou que a Xunta inviste este ano 5,5 millóns de euros para ofrecer 11.932 prazas na Campaña de Verán 2026, o que supón a cifra máis alta da súa historia e é algo que “non fai ningunha outra comunidade autónoma”, xa que sitúa a comunidade como un referente estatal neste eido.
Baixo o lema Modo verán activo, a Xunta oferta máis de 8.000 prazas en campamentos para nenos de 9 a 17 anos; 876 para os minicampamentos Coñece Galicia -de 9 a 12 anos-; 301 para estadías e intercambios con outras comunidades e outras 105 para campamentos específicos para rapaces con discapacidade. A isto hai que sumar as 815 prazas en campos de voluntariado en Galicia, no resto de España e no estranxeiro, dirixidos a maiores de 18 anos, e outras 160 para actividades de lecer alternativo, para mozos de entre 18 e 30 anos.
Rueda salientou que os campamentos son unha experiencia única na que os rapaces combinan actividades lúdicas e deportivas coa aprendizaxe sobre o medio mariño, a protección da natureza ou aspectos culturais da comunidade.
Recursos de conciliación
Ademais, lembrou que son un recurso fundamental para facilitar a conciliación familiar, “e máis nestas datas de reincorporación de tanta xente ao traballo”. Nesta liña, destacou o apoio da Xunta aos pais e nais durante as vacacións escolares con campamentos públicos a prezos accesibles e axudas para sufragar outro tipo de actividades lúdicas, campamentos privados ou a contratación de coidadores a través do Bono Concilia Familia, dotado este ano de 2,6 millóns de euros.
As familias interesadas poden solicitar estas achegas a partir do vindeiro 9 de setembro. As contías oscilarán entre os 200 euros para custear campamentos privados ou actividades de lecer en períodos non lectivos ata os 500 euros no caso de ter contratado un servizo para o coidado dos fillos -entre 3 e 13 anos- no domicilio.