López Campos destaca os Premios San Martiño da Estrada como exemplo “do que pode facer a sociedade a prol da lingua coa súa implicación e esforzo”

A Estrada (Pontevedra), 10 de novembro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou hoxe as persoas galardoadas cos Premios San Martiño de Normalización Lingüística 2026 entregados polo concello da Estrada e que, precisou, “son todo un exemplo do que, máis alá das políticas da Administración pública, pode facer o esforzo e implicación da sociedade, individualmente ou en grupo, a prol da lingua galega”.

Así, o representante da Xunta enxalzou o traballo da Asociación Cultural Coto Manguelo, recoñecida na categoría Tabeirós-Terra de Montes, pola súa dinamización cultural en galego no rural estradense; de Leilía, no apartado Galicia enteira, polo seu labor como unha agrupación pioneira na tradición folk, e da firma de artesanía Eferro, por toda unha vida involucrada coa cultura popular. Todos eles, apuntou López Campos, “contribúen ao prestixio da nosa lingua”.

Data de actualización: 10/11/2026