Belén do Campo visita a exposición 'Teño que cantar' que conmemora as vinte edicións do ciclo de coros galegos na Coruña organizada por Cántigas da Terra

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 15 de novembro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga, situada na rúa Durán Loriga, número 10, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, con entrada gratuíta

A Coruña, 9 de novembro de 2026

A delegada territorial da Xunta na Coruña, xunto ao comisario e director artístico de Cántigas da Terra, Luis Sánchez Bolón, e a guía da visita, Sara Fraga, coñeceu a exposición Teño que cantar. 20 anos de irmandade musical, no transcurso dunha visita guiada que tivo un carácter especial ao incluír unha revisión de fondos e documentos orixinais depositados na Biblioteca de Estudos Locais. Esta mostra que, abriu as súas portas o pasado 8 de outubro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga, percorre a historia e a evolución do Ciclo de Coros Galegos a través de pezas e documentos orixinais.

Organizada pola agrupación Cántigas da Terra, a exposición conmemora as vinte edicións deste festival, convertido nunha das citas destacadas da cultura tradicional galega na cidade da Coruña durante o outono. Ao longo da súa traxectoria, o ciclo reuniu coros históricos, agrupacións folclóricas e diferentes expresións da tradición oral galega, como a regueifa, a música folk e o teatro.

Durante a visita, Belén do Campo puido coñecer os materiais que integran a mostra, entre os que figuran documentos procedentes dos arquivos de agrupacións históricas como o Real Coro Toxos e Froles, a Coral De Ruada, Cantigas e Agarimos e a propia Cántigas da Terra. Estas pezas permiten recuperar a memoria das formacións que participaron nas distintas edicións do festival e amosan a estreita relación entre esta iniciativa cultural e o tecido asociativo e musical galego.

A exposición constitúe tamén unha homenaxe ao labor das agrupacións que, ao longo dos anos, contribuíron a preservar, transmitir e divulgar a música tradicional e o patrimonio cultural inmaterial de Galicia, mantendo vivas expresións artísticas que forman parte da identidade colectiva do país.

A delegada territorial destacou o valor de iniciativas como esta para conservar e dar a coñecer o patrimonio cultural galego, así como a importancia do traballo desenvolvido polas asociacións culturais na transmisión das tradicións ás novas xeracións. Neste sentido, puxo en valor a traxectoria de Cántigas da Terra e a súa contribución á difusión da música e do folclore galegos.

Ben de Interese Cultural Inmaterial

Durante a visita á exposición a delegada lembrou que a Xunta de Galicia aprobou, no Consello da Xunta celebrado o 22 de decembro de 2025, a declaración da música e do baile tradicionais galegos como Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de patrimonio cultural inmaterial, unha distinción que se fixo efectiva coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia o 12 de xaneiro de 2026.

Belén do Campo destacou que este recoñecemento supón outorgarlles o máximo nivel de protección e garantir a conservación, salvagarda e transmisión deste legado ás futuras xeracións, ademais de poñer en valor o traballo das asociacións culturais, agrupacións folclóricas, cantareiras e pandeireteiras que contribuíron a manter viva esta tradición. Entre as medidas previstas figuran a creación dun arquivo audiovisual público, gratuíto e de libre acceso na rede, así como a incorporación de materiais didácticos ao ensino, co obxectivo de achegar este patrimonio ás novas xeracións e preservar unha das expresións máis representativas da identidade, da historia e da cultura de Galicia.

A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 15 de novembro na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga, situada na rúa Durán Loriga, número 10, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas, con entrada gratuíta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/11/2026