A Cidade da Cultura acolleu a final desta modalidade da décimo sétima edición do certame
A Xunta premia tres videoxogos da Coruña, Cuntis e Campo Lameiro no 'Xuventude Crea 2026' desta categoría
’Inspector Sommers in: Ourobori an Madness’, ‘Depths’Tale’ e ‘Chroma Tales’ resultaron gañadores do primeiro, segundo e terceiro galardón, respectivamente
As propostas recibirán as súas respectivas distincións nunha gala final xunto co resto de premiados nas 14 categorías restantes
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026
A Xunta de Galicia acaba de premiar na modalidade de creación de videoxogos do Xuventude Crea 2026 os proxectos Inspector Sommers in: Ourobori an Madness, Depths’Tale e Chroma Tales, ideados por rapazada da cidade da Coruña e das localidades pontevedresas de Cuntis e Campo Lameiro, respectivamente.
Deste xeito, na final desta categoría, celebrada na Cidade da Cultura, resultou gañador co primeiro premio Inspector Sommers in: Ourobori an Madness, do equipo da Coruña formado por David Pazos, Laura Añel Simes, Laura Longueira, Álvaro Villanueva, Lide García, Ismael Otálora e Juan David Carballeira. A proposta baséase nun xogo que procura crear unha historia, mecánicas e experiencia innovadoras, a través dun relato ambientado na Guerra Fría con viaxes no tempo e solución de crebacabezas.
Pola súa banda, o videoxogo Depths’Tale fíxose co segundo galardón do Xuventude Crea desta edicións, ideado por Alexandre Gosende, Regina Touceda, Fadi Abdukkader e Aarón Rey, orixinarios do municipio pontevedrés de Cuntis. A súa iniciativa céntrase nas pericias dun pescador solitario que traballa de noite en mar aberto e na que destacan a música, o deseño sonoro e a ambientación visual.
Finalmente, a terceira distinción recaeu no proxecto Chroma Tales, ideado por Silvia Fernández, Diego Vilariño, Carolina Nickelle e Sara Teresa Romero, da localidade pontevedresa de Campo Lameiro. Neste proposta preséntase a historia dun mago que repara vidreiras mentres procura a inspiración perdida. O xurado do certame valorou a calma coa que se convida a desfrutar da experiencia deste xogo.
A modalidade creación de videoxogos é unha das 15 especialidades que compoñen a convocatoria do Xuventude Crea 2026, que segue a consolidar a seu interese entre a mocidade galega con preto de medio milleiro de persoas inscritas este ano e que celebrará a gala cando rematen todas as finais das diferentes categorías.
A iniciativa chega este ano á súa décimo sétima edición sendo un programa consolidado e con prestixio no eido cultural e artístico galego, no que xa participaron preto de 6.000 mozos e mozas, con 4.000 obras e proxectos creativos e no que se repartiron preto de 700 premios por un importe total superior ao millón de euros e 89 mencións de honra.