A Xunta apoia a posta en escena de ‘Semente de dramón’, gañadora do V Certame Manuel María de proxectos teatrais

O Goberno Galego achega 15.000 euros á produción da proposta de Ancoraxe Escénica e Compañía Morraoconto, dirixida por Sara Rey e Rafa R. Martínez

A obra, que contará con 40 representacións en cidades e vilas galegas, aborda o bombardeo informativo mediante unha linguaxe escénica contemporánea que incorpora música, cancións e coreografías

A Coruña, 10 de novembro de 2026

A Xunta de Galicia contribúe á produción e difusión de Semente de dramón, proxecto gañador da quinta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, cunha achega de 15.000 euros. A proposta, presentada conxuntamente por Ancoraxe Escénicas e Compañía Morraoconto baixo a dirección de Sara Rey e Rafa R. Martínez, contará cun mínimo de 40 representacións en cidades e vilas galegas.

O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, participou onte na entrega do galardón no Espazo Cultural Manuel María da Coruña. Así, o certame combina o apoio á creación cun circuíto de exhibición que facilita o encontro das compañías profesionais co público de diferentes puntos de Galicia. Á axuda económica súmase a garantía de, cando menos, 40 representacións, grazas á colaboración das deputacións, dos concellos e das mostras de teatro participantes.

De carácter bienal e dirixido ás compañías profesionais galegas, o galardón recoñece a mellor proposta escénica a partir dunha obra de Manuel María. As compañías gañadoras comprométense a levala á escena nun prazo máximo de dez meses, e o espectáculo permanecerá en cartel, cando menos, ata o remate de 2028.

Semente de dramón parte do texto Semente de dramón dos medios de comunicación para revisar a farsa de Manuel María con referentes estéticos e conceptuais actuais. A proposta aborda o bombardeo informativo e o control do relato nos medios de comunicación mediante unha linguaxe escénica contemporánea que incorpora música, cancións e coreografías.

Na súa resolución unánime, o xurado valorou a maneira en que a proposta afonda no procedemento satírico de Manuel María a través dun elenco e dun equipo artístico eclécticos. Destacou tamén a investigación sobre quen controla o relato nos medios e o alento lúdico da montaxe, que acompaña a súa dimensión crítica e conecta o texto do autor coa dramaturxia actual.

Rede de colaboración municipal

Colaboran nesta edición os concellos da Coruña, As Pontes de García Rodríguez, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas de Morrazo, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Catoira, Cedeira, Culleredo, Melide, Moaña, Monforte de Lemos, Negreira, O Barco de Valdeorras, O Grove, Oleiros, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Tomiño, Verín, Vilagarcía de Arousa e Viveiro.

 

Data de actualización: 10/11/2026