O Centro Dramático Galego presenta ‘A culpa’, un espectáculo coproducido con estudo momento que integra teatro e música sinfónica
A compañía pública participa nesta adaptación da novela homónima de María Solar, Premio Xerais 2022, que se estreará o 7 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol
Iria Ares e Xoán C. Mejuto dirixen e protagonizan a montaxe, con dramaturxia deste último e música orixinal de Gabriel Bussi
Unha formación de cámara de sete músicos vinculada á Orquestra Sinfónica de Galicia interpretará a partitura en directo na estrea e 35 integrantes da formación gravarán posteriormente a banda sonora orixinal
A Coruña, 4 de setembro de 2026
O Centro Dramático Galego pon en marcha xunto á compañía Estudo Momento A culpa, adaptación teatral da novela homónima de María Solar, Premio Xerais 2022, que se estreará o vindeiro 7 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol. O director da compañía pública da Xunta de Galicia, Fran Núñez, participou hoxe no Palacio da Ópera da Coruña na presentación deste espectáculo, concibido a partir da integrar a interpretación teatral e a música sinfónica nunha mesma proposta escénica. Na presentación interviñeron tamén Iria Ares e Xoán C. Mejuto, por Estudo Momento; o compositor da música orixinal, Gabriel Bussi, e o xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia, Juan Antonio Cuéllar.
A culpa forma parte da temporada 2026-2027 do Centro Dramático Galego e está coproducida por Estudo Momento e a unidade teatral da Xunta. A montaxe conta coa adaptación e dramaturxia de Xoán C. Mejuto, quen asume ademais a dirección xunto a Iria Ares. Ambos conforman tamén o elenco do espectáculo.
Teatro sinfónico
A coprodución propón un formato no que teatro e música sinfónica se integran nunha mesma arquitectura dramatúrxica. A música non funciona como acompañamento da acción escénica, senón como un elemento estrutural que intervén no ritmo, na atmosfera e na dimensión emocional da obra.
A partitura orixinal está composta por Gabriel Bussi, violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia e especialista en repertorio arxentino e tango. Na estrea en Ferrol será interpretada en directo por unha formación de cámara de sete instrumentistas. Tres días despois, o 10 de novembro, 35 músicos da Sinfónica gravarán a banda sonora orixinal. Esta colaboración permitirá que posteriormente o espectáculo poida circular en dous formatos: cunha formación musical en directo ou coa banda sonora gravada, mantendo en ambos os casos a concepción sinfónica coa que foi creada a posta en escena.
Un thriller entre Galicia e Bos Aires
A adaptación de Xoán C. Mejuto traslada ao escenario a historia de Amanda, unha empregada de banca de Santiago de Compostela que recibe unha herdanza inesperada dunha enigmática multimillonaria arxentina. Xunto a Enric, viaxa a Bos Aires para reconstruír a vida da muller e comprender as razóns desta decisión.
A investigación abre unha historia atravesada pola memoria, a emigración, as identidades ocultas, os silencios e a culpa. A montaxe leva este universo ao territorio do drama noir, con referencias ao cine negro clásico, ao Bos Aires dos anos cincuenta e ao tango como ponte cultural entre Galicia e Arxentina.