A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un convenio de colaboración co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello de Crecente destinan 1,1 M€ á construción dunha estación depuradora e dunha rede de saneamento na parroquia de Rebordechán

Ángeles Vázquez subliña que se trata dunha solución integral que permitirá mellorar  a recollida e o tratamento de augas residuais e dar resposta ás necesidades de saneamento da contorna

Indica que esta actuación é un bo exemplo do traballo que desenvolve a Xunta escoitando as necesidades dos concellos, buscando solucións e poñendo os recursos necesarios para facelas realidade

Esta obra enmárcase nun paquete de 31 actuacións de abastecemento, saneamento e depuración programadas por Augas de Galicia co obxectivo de reforzar servizos hidráulicos no rural

Crecente (Pontevedra), 4 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de Crecente destinarán preto de 1,1 millóns de euros á construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR), así como dunha nova rede de colectores, na parroquia de Rebordechán. 

Segundo o convenio de colaboración que asinaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da localidade, Julio García Luengo, a Xunta financiará esta actuación nun 80% e o 20% restante achegarao o Concello.

Durante a súa intervención, a conselleira subliñou que se trata dunha “solución integral” que permitirá mellorar a recollida e o tratamento de augas residuais e dar resposta ás necesidades de saneamento da parroquia. 

En concreto, a actuación contempla a execución de 18 tramos de colectores de augas residuais, cunha lonxitude total de máis de 3 quilómetros, así como un novo bombeo e unha impulsión de máis de 300 metros para conducir as augas residuais ata a rede que as levará á nova depuradora. A EDAR contará cunha solución de tratamento adaptada á dimensión e ás características deste núcleo rural.

Así mesmo, Ángeles Vázquez indicou que esta actuación, que está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, é un bo exemplo do traballo que desenvolve a Xunta “escoitando as necesidades dos concellos, buscando solucións e poñendo os recursos necesarios para facelas realidade”. Unha rede de colectores adecuada e unha depuración eficiente, ademais de mellorar o servizo que recibe a veciñanza, permite reducir o impacto dos vertidos e contribuír á conservación dos ríos e ecosistemas.

Nese senso, lembrou que Galicia ten unha realidade territorial particular con moitos núcleos, parroquias e vivendas dispersas, polo que é preciso adaptar as actuacións ás características propias de cada contorna buscando sempre solucións eficientes que garantan un servizo adecuado, tal e como se vai facer en Rebordechán. 

Por iso a Xunta mantén unha política activa de colaboración cos concellos, achegando financiamento e apoio técnico para acometer actuacións que pola súa complexidade ou polo seu custo económico resultarían difíciles de acometer exclusivamente con recursos municipais. Segundo dixo a conselleira, este modelo de cooperación permite mellorar os servizos públicos, reforzar a protección ambiental e contribuír á fixación de poboación no rural.

A maiores, Ángeles Vázquez lembrou que esta obra se enmarca nun paquete de 31 actuacións de abastecemento, saneamento e depuración programadas por Augas de Galicia co obxectivo de reforzar servizos hidráulicos no rural. Conta cun orzamento de máis de 27,7 millóns de euros ao abeiro do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

Tal e como dixo a conselleira, o convenio asinado con Crecente é un exemplo máis do apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos desde hai anos para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e saneamento dun xeito máis eficiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026