Belén do Campo destaca o apoio da Xunta de máis de 130.000 euros para a mellora da rede eléctrica co soterramento dunha líña aérea de media tensión no polígono de Merelle en Ordes
A delegada da Xunta tamén explicou que o Goberno galego pechou recentemente o prazo dunha nova orde deste tipo de axudas, destinada ao reforzo e á extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da comunidade cun orzamento de 2,5 millóns de euros
Ordes (A Coruña), 8 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, o director territorial de Economía e Industria, Isidoro Martínez, e representantes da asociación de empresarios do polígono, visitaron o polígono industrial de Merelle para supervisar as melloras realizadas do soterramento da liña aérea de media tensión que contaron cunha achega da Xunta de máis de 130.000 euros plurianual 2024-2025 destinada ao reforzo e á extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais.
Ademais, este polígono tamén contou, o ano pasado, cunha achega de más de 120.000 euros, da orde de Infraestruturas dos Parques Empresariais, para a mellora dos seus accesos ao parque empresarial e este ano 2026 conta con outros máis de 116.000 euros para varias melloras nas súas infraestuturas viarias. As 3 actuacións supuxeron un investimento total por parte da Xunta de máis de 366.000 euros.
En relación coa mellora da rede eléctrica esta actuación contemplou a execución dunha nova liña soterrada de 614 metros de media tensión desde o centro de transformación situado na parcela P/Empresarial-4, incluíndo as conexión cos centros de transformación existentes o que permite alimentar un punto do polígono que antes recibía subministración a través dunha liña aérea de media tensión de 600 metros. O proxecto incluiu tamén a retirada dese tramo da liña aérea que atravesaba o polígono industrial. Desde o punto de vista técnico, a liña aérea contaba cun condutor cunha intensidade máxima admisible de 130 amperios (A). Pola súa banda, a nova liña soterrada ten unha intensidade máxima admisible de 348 A, o que supón un notable incremento da capacidade de transporte respecto da infraestrutura actual.
A intervención permitiu así reforzar a rede eléctrica de distribución no polígono empresarial, dotándoa dunha infraestrutura soterrada de maior capacidade e mellorando as condicións de alimentación eléctrica dos puntos conectados á rede.
Na comarca de Santiago nesta mesma convocatoria tamén recibiu unha achega de máis de 560.000 euros o Concello de Tordoia.
Convocatoria electrificación 2024
Cun orzamento de 4,7 M€, as axudas no ano 2024, foron de concorrencia competitiva. Buscouse establecer medidas de reforzo e extensión nos parques que precisaban un abastecemento de enerxía eléctrica a través de redes de distribución que permitan cubrir con seguridade e calidade as demandas das empresas que albergan e dos futuros proxectos que poidan implantarse.
Con carácter xeral, a intensidade da axuda foi dun 80 % do importe total subvencionable cun máximo dun millón de euros por solicitude.
As principais novidades desta convocatoria foron que o prazo de execución foi de tres anualidades para ofrecer tempo suficiente que permita realizar todos os trámites e actuacións necesarios e, ademais, abriuse unha liña específica para aqueles proxectos que obtiveron axuda na última edición pero que tiveron que renunciar por falta de tempo para obter autorizacións e para executar as actuacións.
Nova orde 2026
A delegada tamén explicou que o Goberno galego pechou recentemente unha nova orde deste tipo de axudas, destinada ao reforzo e á extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da comunidade.
A convocatoria, dirixida aos concellos galegos, conta cun orzamento total de 2,5 millóns de euros permitirá financiar actuacións que se executarán entre os anos 2026 e 2028, co obxectivo de mellorar as infraestruturas enerxéticas e favorecer a implantación de novas empresas. O prazo para presentar solicitudes estivo aberto desde o 29 de maio ata o 28 de agosto de 2026, e as subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva.
As axudas financiarán actuacións de reforzo e ampliación das redes de distribución eléctrica que prestan servizo aos parques empresariais, así como os gastos recollidos nas condicións técnicas establecidas pola empresa distribuidora, sempre que deban ser asumidos polos concellos solicitantes.
Ademais, tamén serán subvencionables os custos de redacción dos proxectos, dirección de obra e instalación do cartel informativo previsto nas bases reguladoras. Poderán imputarse os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2026 ata a data de xustificación do investimento.
“Con esta convocatoria, explicou a delegada, a Xunta busca mellorar a capacidade das infraestruturas eléctricas dos parques empresariais galegos, facilitando a chegada de novos proxectos empresariais, impulsando o desenvolvemento económico e reforzando a competitividade do tecido produtivo de Galicia”.
Con carácter xeral, a intensidade da axuda é dun 80 % do importe total subvencionable cun máximo dun millón de euros por solicitude.