Galicia mantense entre as comunidades con mellores resultados globais no informe PISA malia a incidencia negativa da Lomloe en toda España

O ensino galego volve ser o primeiro en canto a equidade en toda a OCDE, o que confirma a igualdade de oportunidades que ofrece o sistema para todos os estudantes

O conselleiro apunta a que PISA 2025 “claramente suspende o modelo educativo socialista, o socialismo educativo”, que devalúa a cultura do esforzo e non reforza a autoridade do profesorado

Recorda que Galicia leva anos solicitando cambios nos currículos, nos sistemas de avaliación ou a reforma da carreira profesional docente

A Xunta continúa co traballo de mellora continua do sistema, a través das medidas estruturais do acordo sindical e con outras novas como o programa de reforzo extraescolar, co obxectivo de paliar os efectos prexudiciais da lei educativa estatal

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, valorou hoxe que, ante un contexto de caída xeneralizada, estrutural e de sistema en toda España, Galicia continúe estando entre as comunidades con mellores resultados no informe PISA, especialmente no indicador que mide a igualdade de oportunidades. “Sempre dicimos que o sistema educativo galego ten como un eixo fundamental a equidade e aquí somos, neste caso, non só dos primeiros de España, senón que estamos no primeiro posto dentro da OCDE”, salientou.

En canto aos resultados globais das tres competencias analizadas –científica, matemática e lectora–, o titular do departamento educativo da Xunta sinalou que “non son os datos que nos gustaría, pero mantemos posición relativa no conxunto das comunidades, subimos posto en matemáticas, e estamos nas tres competencias por riba da media española”.

Declive a nivel nacional

O conselleiro destacou que o contexto dos resultados do informe PISA a nivel nacional é de declive xeral. De feito, fóra do caso de Cataluña, –comunidade na que se constatou que se fixeron trampas–, practicamente todas as comunidades perden puntuación en todas as competencias. Ademais, cabe sinalar o feito de que a media de España estea calculada tendo en conta os resultados de Cataluña, o que sen dúbida está “adulterando a media nacional”. Para o conselleiro, estas cuestións poñen en entredito o prestixio educativo de España ante PISA.

 Estes resultados, nos que España empeora máis que a media internacional, deixan claro que estamos diante “dunha caída estrutural do sistema derivada da aplicación dunha mala lei”, sinalou o conselleiro. “Este é o primeiro PISA que se fai cos criterios Lomloe e co seu sistema de avaliación” sinalou o conselleiro, destacando que “PISA claramente suspende o modelo educativo socialista, o socialismo educativo”.

A este respecto, Román Rodríguez lembrou que tanto a Xunta como moitos profesionais dentro do sistema de educación “viñamos advertindo durante fai moito tempo que isto ía pasar, que ía haber unha devaluación da calidade” derivada desta lei. En concreto, o titular do departamento educativo criticou os currículos que introduciu a lei, un sistema de avaliación que vai en contra da cultura do esforzo e a falta de reforzo ao docente e á súa autoridade. Así mesmo, lembrou que Galicia leva anos advertindo de que é necesario reformar a carreira profesional docente con urxencia.

A este respecto, o Goberno galego leva tempo traballando na mellora continua do sistema, a través das medidas estruturais derivadas do acordo sindical, así como con outras novas como o programa de reforzo extraescolar, co obxectivo de paliar os efectos prexudiciais da lei educativa estatal.

Por riba da media nas tres competencias

O ensino galego rexistra puntuacións por riba da media de España en todas as competencias. A súa maior puntuación é na competencia avaliada como principal en PISA 2025, a científica, con 486 puntos. Isto permítelle acadar o quinto posto a nivel estatal.

No caso da competencia matemática, a puntuación do ensino galego é de 466 puntos, o que coloca a Galicia na quinta posición de España, tres por riba da oitava que rexistrou en PISA 2022. E na competencia lectora, a puntuación galega é de 454 puntos, o que sitúa a Galicia na oitava posición de España.

O nivel de redución en canto a puntos con respecto ao último PISA é compartido por comunidades autónomas que compartían os primeiros postos da táboa con Galicia no estudo anterior.

Data de actualización: 08/09/2026